Os efectos da campaña de Nadal non se notan aínda na cola do paro
Galicia suma no mes de novembro case 1.300 desempregados, un de cada seis do total de España.
Un de cada seis novos parados é galego.
O paro subiu un 0,68% no mes de novembro en Galicia cun total de 1.272 persoas anotadas, o que sitúa a cifra de persoas rexistradas que buscan emprego en 187.175. Con todo, fronte ao mesmo mes do ano anterior houbo un descenso do 8,05%, ao caer en 16.379 o número de persoas que buscan traballo.
Así se desprende dos datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social que foron difundidos este luns. No conxunto do Estado, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en novembro en 7.255 desempregados respecto ao mes anterior (+0,2%), co que xa encadea catro meses de alzas mensuais.
O volume total de parados alcanzou a finais de novembro a cifra de 3.474.281 desempregados, manténdose no seu nivel máis baixo dos últimos oito anos, segundo destacou Emprego. Dentro da serie histórica comparable, que arrinca en 1996, a evolución do paro nos meses de novembro sempre foi desfavorable salvo nos anos 2013, 2014 e 2015, onde se rexistraron descensos.
Escribe o teu comentario