O PP pregunta "a que se destinou" o diñeiro da potabilizadora
Os populares de Vigo din que na última década se deberían gastar 180 millóns en mellorar a rede.
Elena Muñoz denuncia "escurantismo".
O grupo municipal do PP no Concello de Vigo cuestionou este xoves "a que se destinaron" os investimentos que, segundo apunta, debe facer a concesionaria da auga na rede de saneamento e abastecemento, e lembrou que, segundo se recolle na tarifa que pagan os cidadáns, un 40 por cento dos ingresos deben destinarse a investimentos para melloras no sistema.
Así o sinalou a portavoz do grupo, Elena Muñoz, quen lembrou que, na última década, a empresa ingresou máis de 400 millóns de euros polo que, debería destinar uns 180 millóns a investimentos. "A que se destinaron? Non se nos dá nin un só dato, hai un escurantismo total", sentenciou.
Muñoz criticou ao alcalde, Abel Caballero, por "botar balóns fóra" no que respecta á calidade da auga, e insistiu en que "todo apunta ao alcalde e ao Concello". Así, lembrou que no inventario de bens do Concello, a ETAP do Casal figura como unha instalación de titularidade municipal, que a Lei de Bases de Réxime Local detalla que a garantía da calidade da auga corresponde á administración municipal, e que "a factura se paga a Aqualia".
Escribe o teu comentario