A auga da contorna de Vigo é potable, pero "de moi baixa calidade"
As últimas análises nos municipios onde saltaron as alarmas revelan que os parámetros melloraron.
As últimas análises da auga nos municipios pontevedreses de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior evidencian parámetros altos, pero que non superan os límites aconsellados, así que non se adoptarán restricións do seu uso tanto para beber como para cociñar, aínda que a Xunta seguirá coas súas propias mostraxes.
En rolda de prensa, a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo, sinalou que se trata de auga potable, pero advertiu que é "auga de moi baixa calidade", porque todos os parámetros nestes municipios se sitúan por baixo dos límites legais, pero son elevados.
Tras as medicións da Xunta, foron os xestores dos servizos municipais de auga os que trasladaron os seus propios datos para confirmar se se ratificaban os parámetros anormais. Como non foi así, non se restrinxe o consumo humano de auga en ningún dos municipios nos que saltaran as alarmas.
EXTREMAR A VIXILANCIA
Con todo, a xefa do servizo de control de riscos ambientais da Consellería de Sanidade, Natalia Botana, alertou de que se rexistran "valores moi elevados", polo que é preciso "extremar" a vixilancia. Por iso, os inspectores de Saúde Pública están a recoller durante a fin de semana as súas propias mostras nos abastecementos máis preocupantes "para facer un seguimento intensivo e poder reaccionar se os valores se superan".
Ademais da propia situación de partida, as intensas chuvias previstas para as próximas horas poderían provocar que puntualmente se rebasen os valores legalmente establecidos en canto a turbidez, ferro e cor da auga. Por iso, á parte de Vigo, Moaña, Redondela e Soutomaior, tamén se toman mostras no Consorcio de Louro, que abastece o Porriño e Salceda e no abastecemento de Cangas.
As responsables de Sanidade que compareceron na rolda de prensa deste sábado recalcaron que non se trata dunha alerta sanitaria e que estar preto dos parámetros máximos "non ten que supoñer un risco inminente para a saúde", aínda que non é adecuado que esta circunstancia se manteña no tempo. Ademais, Natalia Botana expuxo que, a partir do valor máximo, existe "unha marxe de tolerancia" na cal aínda se mantén a seguridade para o consumo.
ATAQUES POLÍTICOS
O Concello de Vigo asegurou que os parámetros melloraron "desde onte" e volveu a proclamar que "toda a auga da cidade é potable ao 100%". En calquera caso, subliña que seguirán "atentos á evolución para garantir o consumo seguro".
Nun comunicado, o consistorio gobernado Abel Caballero carga contra Núñez Feijóo, a quen fai "responsable do que está a suceder" e a quen acusa de practicar unha "política partidaria da máis baixa estofa con este tema, en función dos seus intereses persoais". "A cidade de Vigo sabe ben quen é o responsable e que se chama Feijóo", proclama.
Escribe o teu comentario