O PP de Lugo ultima unha moción de censura contra o goberno local co apoio dunha tránsfuga do PSOE
Elena Candia, líder do Partido Popular local, ten tomada a decisión de presentar unha moción de censura que contaría co voto decisivo da concelleira non adscrita María Reigosa, quen abandonou as filas socialistas recentemente.
As negociacións entre o Partido Popular e María Reigosa aceleráronse a finais da semana pasada. Segundo fontes consultadas, o apoio da edil confirmouse o pasado xoves tras unha reunión con Elena Candia. O acordo contaría co aval directo do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen apoiou a operación desde o inicio.
O venres percibiuse un ambiente inusual no Concello, con reunións a porta pecha do grupo municipal popular e xestos de preocupación e silencio nos corredores por parte do equipo de goberno de coalición progresista.
O papel de María Reigosa
Reigosa, funcionaria do Estado no servizo de Costas, foi unha das apostas de Lara Méndez nas eleccións de 2023. Accedeu ao cargo de concelleira o pasado 30 de outubro tras o falecemento do edil socialista Pablo Permuy. Con todo, a súa relación co PSdeG deteriorouse rapidamente:
Decembro: Dimitiu das súas responsabilidades no medio Rural.
24 de marzo: Rompeu definitivamente co grupo socialista, pasando a ser concelleira non adscrita e deixando ao goberno en minoría.
Aínda que Reigosa facilitou a aprobación do orzamento municipal antes da súa saída, a súa sintonía co PP foi crecente, coincidindo en votacións e actos públicos.
Candia ante a súa "batalla final"
De prosperar a moción, Elena Candia converteríase na nova alcaldesa de Lugo. Non é a primeira vez que a dirixente popular accede a unha institución mediante o apoio dun tránsfuga socialista; xa o fixo en 2015 para alcanzar a presidencia da Deputación de Lugo co voto de Manuel Martínez.
Esta sería a terceira moción de censura que o PP presenta na provincia desde os locais de 2023, tras as do Valadouro e Viveiro.
Os prazos e a situación do Goberno
O alcalde actual, Miguel Fernández, enfróntase a unha situación crítica. O seu equipo sufriu un desgaste constante debido á morte de tres concelleiros e a sucesión de até cinco remodelacións de goberno en tres anos. Se a moción salgue adiante, Lugo tería o seu cuarto alcalde no presente mandato, tras Lara Méndez, a falecida Paula Alvarellos e o propio Fernández.
Calendario previsto: Se a moción se presentase este luns, o pleno para a súa votación debería celebrar, como máximo, o 5 de maio. Existe a posibilidade de que se aproveite o pleno ordinario do 30 de abril, sesión na que está prevista a toma de posesión da nova concelleira socialista, Eugenia Iglesias.
A falta dunha confirmación oficial do rexistro das trece firmas necesarias, o "runrún" na cidade é constante e os movementos dos populares indican que a presentación da moción podería ser cuestión de horas.
Escribe o teu comentario