Pachi Vázquez non renuncia ás primarias de Ourense a pesar da acusación da Fiscalía
Reprocha ao Ministerio Público non mover “un papel en tres anos” en relación ao caso de prevaricación polo que é investigado
O ex secretario xeral o PSdeG, Pachi Vázquez, négase a renunciar ás primarias do partido socialista en Ourense, que se celebrarán o vindeiro domingo. Ademais, reprocha á Fiscalía non mover “un papel en tres anos” en relación ao caso de prevaricación polo que é investigado tras a súa alcaldía en Carballiño.
Pachi Vázquez afirma "seguir traballando para gañar apoios na militancia e para buscar acordos que fagan forte o partido", e defende a súa inocencia fronte á acusación dun presunto delito de prevaricación continuada durante a súa alcaldía en Carballiño, entre 1995 e 2005, con preto de sesenta contratos formalizados sen un proceso de selección baseado no mérito ou a capacidade, e dos cales moitos pasaron a converterse en traballadores fixos.
Agora, despois de tres anos do inicio do proceso xudicial, o Ministerio Público manifesta a súa intención de sentar no banco ao ex secretario xeral do PSdeG, a menos dunha semana das primarias en Ourense. Pachi Vázquez lamenta que a Fiscalía non movese "un papel" nestes últimos anos, e tras presentar "máis de 3.000 documentos e informes" para avalar a súa versión, solicitou o arquivo da súa causa.
Despois de expresar a súa "confianza" na Xustiza e de reivindicar "a presunción de inocencia", confirma a súa intención de seguir na pugna orgánica fronte á deputada autonómica Noela Branco e ao alcalde de Amoeiro, Rafael Rodríguez Villarino.
Escribe o teu comentario