O portavoz do PSdeG fala da necesidade de “reformar a Constitución”

Leiceaga falou das primarias do partido ás eleccións para elixir os novos dirixentes provinciais. 


|

Leiceagaentrevista

Leiceaga ante os medios de comunicacación. 


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leicega, considerou que os novos dirixentes provinciais que saian das primarias que o Partido Socialista leva a cabo nas distintas provincias galegas serán "compañeiros perfectos" para traballar para as eleccións municipais.


Fernández Leiceaga pronunciouse deste xeito nunha entrevista concedida a Radio Nacional España (RNE) na que tamén se mostrou optimista sobre a posibilidade de que os futuros novos líderes entenderanse co novo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.


O edil vigués David Regades e o actual portavoz da Deputación de Lugo, Álvaro Santos, resultaron vencedores nas primarias de Pontevedra e Lugo, respectivamente, celebradas o pasado domingo. Agora falta por saber quen serán os novos líderes na Coruña e Ourense, provincias ás que aspiran, entre outros, o actual presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, así como o exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez.


Para Leiceaga, os procesos internos que realiza o PSdeG "están a demostrar" que os socialistas galegos fan "eleccións democráticas de verdade" xa que "en cada ámbito" gaña "aquel que os militantes deciden que gañe". Por iso, pediu "respectar" o que decidan os socialistas e asegurou que os dirixentes provinciais serán "compañeiros perfectos" para "facer máis forte ao PSOE".


"Creo que a partir de agora trátase de remar para construír unha oferta boa para as eleccións municipais e, nese camiño, as direccións galega e provinciais teñen intereses en común e non vai haber ningunha dificultade", manifestou o tamén presidente do PSdeG.


A REFORMA CONSTITUCIONAL

Doutra banda, Leiceaga tamén falou sobre a proposta do Bloque Nacionalista Galllego de recoñecer a Galicia como nación. Para o portavoz, este movemento vai nunha clara liña independentista. "Desde logo aí a nós non nos van a atopar", deixou claro o dirixente socialista, que se mostrou a favor do "modelo autonómico actual". "Cremos que hai que reformar a Constitución para facilitar avances nun sentido federal e que o status de Galicia como nacionalidade histórica debe de ser mantido a todo nivel, pero non estamos a favor de episodios de ruptura do Estado español", afirmou Leiceaga.


Precisamente, preguntado sobre se urxe máis reformar a Carta Magna ou levar a cabo a modificación do sistema de financiamento autonómico, Leiceaga asegurou que esta última "tiña que estar cumprida desde 2014" polo que "ten unha urxencia maior". "Reformar a Constitución vai levar máis tempo, entre outras cousas, porque se necesita un consenso moi amplo na clase política que despois, ademais, ten que ser referendado polos cidadáns", indicou.


Neste punto, volveu a mostrarse partidario dun modelo de financiamento autonómico que "poña o acento na cobertura das necesidades de gasto". "As comunidades autónomas encárganse de prestar servizos á poboación e teñen que facelo en igualdade de condicións no conxunto do territorio", considerou para apostar por un sistema que "incorpore unha solidariedade ampla a través da Administración Xeral do Estado". Ademais, criticou de novo que o Partido Popular de Galicia aínda non dese a coñecer cal é a súa proposta para o financiamento da Comunidade galega. "Non sabemos cal sería un financiamento suficiente para o presidente da Xunta", lamentou.


Por último, na entrevista tamén se posicionou a favor de avanzar nun consenso entre as forzas políticas para loitar contra os incendios forestais, unha problemática que en outubro calcinou en Galicia máis de 49.000 hectáreas de terreo. "É necesario un esforzo de todos os grupos para cambiar a política no medio rural e garantir que os sucesos do outubro pasado non teñan posibilidades de repetirse no futuro", manifestou.


Neste punto, asegurou que, na actualidade, danse as condicións para abordar este debate e, a través da nova comisión posta en marcha no Parlamento, analizar novas políticas agrarias, un novo plan forestal ou a profesionalización dos dispositivos de loita contra os lumes.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE