Xulio Ferreiro quere repetir como candidato nas municipais
O rexedor coruñés avisa de que será baixo a marca de Marea Atlántica e só se as bases así o deciden.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, está disposto a repetir como candidato da Marea Atlántica á Alcaldía herculina nas municipais 2019.
Nunha entrevista na Cadena Ser, Ferreiro sostén que optará a revalidar o bastón de mando se así o deciden os integrantes e as bases da Marea, cuxo código ético lle permite repetir un mandato. "Creo que seguramente nun mandato non dá tempo a que todos os proxectos que un lanza poida velos culminados ou polo menos en fase de culminación e, por tanto, eu desde logo, dentro deste código ético, estaría disposto, se os compañeiros da Marea Atlántica así o desexan", afirmou.
Xulio Ferreiro tamén criticou á potencial candidata do PP á Alcaldía da Coruña, Beatriz Mato, de quen sostén que "pouco exerce de conselleira porque sempre esta de campaña, aínda que da Coruña coñece pouco".
SITUACIÓN DE EN MAREA
Sobre a situación de En Marea, Ferreiro evita polemizar co portavoz, Luís Villares. Ao seu xuízo, o líder da confluencia está a facer un bo traballo no Parlamento, do mesmo xeito que o resto do grupo. "O papel efectivamente é bo, o papel de todo o grupo parlamentario, pero se digo a verdade, teño a cabeza tan centrada na Coruña que ás veces cústame saber o que pasa máis aló da área metropolitana da Coruña", esgrimiu.
Ao seu xuízo, a cuestión catalá non está a crear inestabilidade no seo de En Marea, aínda que recoñece que non todos teñen a mesma postura. "Creo que aí non hai que exacerbar o conflito dentro dun espazo plural que o que ten é unha diversidade e o que hai é que chegar a compromisos", expuxo.
Escribe o teu comentario