Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música.
Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.
Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.
Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.
Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. O Couto ( Ourense)
Membro da Xunta directiva do Liceo de Ourense.
Membro do Consello Escolar de Galiza.
Na última semana do mes de novembro tivo lugar outro acto de homenaxe a Carlos Casares. E non recordo que ninguén fose tan homenaxeado coma el. O propio Parlamento de Galicia quixo saír da súa sede, e no Liceo de Ourense, recuncho amado de Casares, organizou un acto entrañábel, que se encheu de amigos de diferentes pensamentos e ideoloxías. Como diría Marcos Valcárcel, Carlos estaría a escoitar entre os presentes, cun sorriso nos beizos, vendo a tantos compañeiros escritores, parlamentarios, editores e amigos sinceros que lembraban a súa obra e a súa persoa.
Nos discursos de Javier Casares, Víctor Freixanes, Ramón Villares, Manuel Baltar, Román Rodríguez, Jesús Vázquez, Hâkan Casares e Miguel Santalices, puidemos observar a fonte inesgotábel que era Carlos. A maioría soubo atopar algunha anécdota descoñecida, e todos tiveron palabras de afecto que afondaron nunha persoa que sementou a súa vida pensando sempre nos demais; defendendo e crendo nas institucións como medio para convivir nun país rico en diversidade e cheo dunha sabedoría que ninguén coma el soubo descubrir nas xentes dos pobos, nos contos dos veciños e nos máis humildes e sinceros. E todo iso expresa unha esperanza para a nosa nazón e para a nosa lingua maltratada e descoidada.
O acto tivo varios finais. O primeiro foi co discurso de Miguel Santalices, presidente do Parlamento galego. O segundo, co himno galego e o terceiro, cun ágape na sala de tertulias do Liceo no que as conversas plurais reflectían o carácter de Casares de traballar xuntos por facer pobo, lingua e nazón. Penso que non existe maior riqueza que a liberdade de dialogar, de compartir ideas que respectan aos demais e de expresarse sen censura. Por iso, o esforzo que fai o Parlamento de Galicia de abrirse aos demais é un paso adiante no que debemos acreditar. Agora toca agardar como van regular esa participación, pero estou seguro que será o comezo de botar a andar moitas cousas que seguen pendentes. Entre elas a reforma do noso Estatuto de Autonomía.
O ano xa acaba como comezou. A Fundación Carlos Casares, que preside o benquerido Javier Casares, recolle todos os artigos, libros, documentais e eventos relativos ao homenaxeado. Todos han ser os mellores e ningún poderá destacar sobre os demais. Cada iniciativa chea de sinceridade será outro logro máis no patrimonio do noso escritor.
Escribe o teu comentario