'Aquadapt', ou como adaptar a acuicultura ao perigo do cambio climático
O Campus do Mar lidera o proxecto xunto coas universidades de Vigo e Santiago, o Clúster de Acuicultura de Galicia e o Centro Tecnolóxico de Acuicultura de Andalucía
O Campus do Mar lidera o proxecto 'Aquadapt' co que, xunto ás universidades de Vigo e Santiago, o Clúster de Acuicultura de Galicia e o Centro Tecnolóxico de Acuicultura de Andalucía, busca adaptar o sector da acuicultura mariña para os efectos do cambio climático no territorio nacional.
Este martes celebrouse en Vigo a xornada de presentación desta iniciativa, que estudará os posibles impactos do cambio climático sobre o cultivo das tres especies elixidas e prevé ter deseñado en xuño de 2018 un plan de adaptación que se estruturará por especie cultivada e sistema de cultivo, e que levará asociado un plan de acción a curto prazo.
O proxecto conta cun financiamento de case 70.000 euros por parte da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio (Mapama), e pretende sentar as bases para que o sector da acuicultura poida manter o seu "protagonismo fundamental como actividade que garante a subministración de peces que sirvan para alimentación".O director do Campus do Mar, Emilio Fernández, subliñou que este proxecto é "un enorme reto" sobre unha cuestión "complexa e moi pluridisciplinar".
Escribe o teu comentario