As luces, a pista de xeo e o Mercado marcan o inicio do Nadal
O Mercado de Nadal e a pista de xeo abren este sábado, dous días despois de que se acenda a iluminación do Nadal.
Mercado de Nadal, en 2016. Foto: Concello de Santiago
A concelleira de Desenvolvemento Económico de Santaigo, Marta Lois, e a técnica de Comercio Lucía Castro, presentaron o Mercado de Nadal, que abrirá este sábado 2 de decembro e permanecerá instalado ata o 6 de xaneiro. En total haberá 87 expositores, 22 máis que o ano pasado, na mesma localización, a rúa Carreira do Conde.
Marta Lois explicou os detalles deste Mercado de Nadal 2017-2018, entre os que destacou que a localización volva ser Carreira do Conde. "O motivo desta elección son os bos resultados do ano pasado e que, ademais, é un excelente atractivo tanto para a zona histórica como para o Ensanche, dinamizando os dous".
A concelleira destacou tamén o aumento na demanda de solicitudes para participar no Mercado, xa que "se no 2015 houbo unha demanda discreta de 86 comerciantes, no 2016 superáronse as 100 solicitudes e para este ano houbo un total de 157 solicitudes de participación".
No Mercado de Nadal haberá postos de artesanía, doces, obxectos e agasallos para as festas, cunha representación moi ampla da artesanía local. Os comerciantes e artesáns rotarán en quendas. Así, segundo explicou Lucía Castro, "haberá un total de seis quendas, cada unha das cales durará seis días". Nesta edición, ao haber máis expositores, non terán que repetir quenda, salvo tres, polo que se garante a variedade e distinción en cada quenda.
PISTA DE XEO
Marta Lois anunciou que tamén esta fin de semana abrirá a pista de xeo, instalada novamente no paseo central da Alameda. Funcionará do 2 de decembro ao 28 de xaneiro. Pola tarde, o recinto abrirá de 16:30 a 22:00 horas para o público en xeral e as fins de semana a pista estará dispoñible de 11:00 a 22:00 horas de maneira interrompida. Tamén haberá sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivos, con horario de 22:00 a 2:00 horas.
ILUMINACIÓN, O XOVES
A iluminación do Nadal chegará este ano as novas rúas de Compostela e incrementará o número de elementos nas zonas que xa viñan sendo decoradas. Estará acendida desde o 30 de novembro ata o 7 de xaneiro, e o Concello "apostou por incrementar sensiblemente o orzamento destinado á iluminación durante as Festas, respondendo as demandas que viña manifestando a cidadanía en anos anteriores e fundamentalmente o sector do comercio".
O incremento orzamentario deste ano "deixarase notar non só no número de rúas iluminadas, senón tamén na calidade dos elementos decorativos", explicou o concello.
Escribe o teu comentario