Presentada a demanda contra Carmen Franco polas estatuas
Martiño Noriega defende a "demostración absoluta da propiedade das pezas por parte do Concello".
Carmen Franco.
O Concello de Santiago presentou este xoves unha demanda contra a filla dos Franco pola propiedade "irregular ou ilegal" das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo.
O alcalde compostelán, Martiño Noriega, en declaracións aos medios este venres tras participar nun acto, explicou que esta decisión se tomou despois do requirimento que se fixo á familia e tras o acordo de xunta de goberno de iniciar a acción xudicial.
Trátase dunha demanda pola vía civil e é "unha acción reivindicativa" polo que o Consistorio entende que "é unha propiedade irregular ou ilegal da familia Franco respecto de dúas pezas do Mestre Mateo".
A súa presentación en Madrid pola vía civil débese a que "é alí onde ten a residencia a filla dos Franco, e por tanto é así como se ten que facer".
"O xuízo vaise celebrar en Madrid e nós entendemos que a demanda está sustanciada nunha demostración absoluta da propiedade das pezas por parte do Concello, do feito de que en ningún momento existiu ningún tipo de acordo de cesión á familia Franco, nin institucional nin legal", expuxo Noriega.
Neste sentido, destacou que "forman parte do patrimonio público e do patrimonio histórico artístico do Estado e que por tanto teñen que regresar á súa cidade para goce de todos os galegos e todos os visitantes que veñan a Santiago".
Escribe o teu comentario