A comisión sobre os incendios arrincará inmediatamente despois do Nadal

As expectativas sobre "o que pode dar de si" son moi dispares entre as distintas forzas políticas galegas.


|

Entincion bombeiro forestal incendio


A reunión de portavoces para preparar o pleno da semana próxima no Hórreo tamén serviu para debater sobre a comisión de estudo impulsada despois da vaga de incendios que afectou a Galicia a mediados do pasado mes de outubro e cuxas comparecencias está previsto que poidan iniciarse ao longo do próximo mes de xaneiro, tras as datas do Nadal.


Ratificouno o portavoz do grupo maioritario na Cámara, Pedro Puy, quen lembrou que este mesmo martes queda constituída a comisión e elixida a Mesa da mesma. Unha vez fixada a documentación e os informes cos que se vai a traballar, e pechada a listaxe de comparecentes, ao longo de xaneiro empezarán a acudir á Cámara. 


Puy destacou a "rápida" resposta do Goberno e o impulso desta comisión e incidiu en que decembro é un mes "difícil" para o calendario parlamentario. O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, coincidiu en que "se está actuando dun modo áxil dentro dun calendario moi complicado" como é decembro, onde se aprobarán os orzamentos.


Previamente, a viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil lamentara que as comparecencias non arrinquen antes. "Quixemos apurar os trámites para que empezasen en decembro, pero o PP, argüindo tempo axustado, festivos e vacacións, non quixo que fose así", censurou.


DISTINTAS EXPECTATIVAS


Ás portas de que este mesmo martes a comisión quede activada, as expectativas sobre "o que pode dar de si" varían en función do grupo. Así, á marxe de reprobar que se "dilaten" as comparecencias, a nacionalista Olalla Rodil afirmou que o BNG acode "con cautelas" á comisión, ante a actitude que poidan manter os populares.


Por parte do BNG, asegurou que se busca que esta comisión "funcione" e que "aclare" a vaga de incendios de outubro, pero tamén que sirva para "poñer encima da mesa propostas que senten as bases para unha nova xestión do monte fuxindo da concepción exclusivamente forestal e abordando a súa multifunción e protección".


O socialista Xoaquín Fernández Leiceaga incidiu en que o seu Grupo participará no relatorio con ánimo de facer "propostas realistas" e tamén "ambiciosas" encamiñadas a impulsar un cambio na política forestal e de extinción dos lumes que se dá en Galicia.


Pola súa banda, o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, arrincou cunha dura crítica sobre o feito de que o PP "non cumpra" as normativas aprobadas nin os consellos que se derivan dos ditames compilados por mor das comisións que traballaron en 1989 e 2006. Por iso, pediu debater "con seriedade" e que, se se acordan medidas, se doten de "recursos".


En Marea parte cunha "idea pesimista" do que poida saír da comisión e Sánchez remarcou que, en todo caso, o obxectivo "non é un pacto", aínda que considera que nas políticas contra incendios debe haber "uns mínimos consensuados". "Veremos o que pode dar de si", aseverou.


"ÁNIMO CONSTRUTIVO" DO PP


Pola súa banda, Pedro Puy asegurou que o PP vai "con ánimo construtivo" e apuntou que "non se trata tanto de facer unha análise cara atrás" como de ver "onde están os problemas que impiden rendibilizar o monte", así como determinar por que algunhas das normas que están en vigor "non se aplican coa intensidade necesaria para mellorar a loita contra os incendios".


relacionada O detido polo incendio dos Blancos, en liberdade tras 40 días
relacionada Outra vez volveron iniciarse incendios forestais xusto antes dun temporal de vento
relacionada Os socialistas reclaman unha auditoría externa dos helicópteros contra incendios
relacionada O persoal contra incendios de tres meses reinvindica que seguen sendo necesarios

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE