O persoal contra incendios de tres meses reinvindica que seguen sendo necesarios
Reclaman participar nos labores de recuperación forestal, que a Xunta deixa en mans privadas.
Apagados os incendios, os montes galegos seguen necesitando persoal que se ocupe dos labores de recuperación das zonas arrasadas polo lume. E, aínda así, os traballadores contratados por tres meses para o SPDCIF están de novo en paro e sen dereito a subsidio.
A asociación Atrifoga reprocha nun comunicado á Xunta que non conte "cos seus propios traballadores públicos" para as tarefas que quedan pendentes, "mentres empresas como Seaga e Tragsa están a incorporar persoal (...), a entidade privada Natutecnia segue operando con gran parte dos traballadores das bases de helicópteros e algúns concellos manteñen -nos seus cadros de persoal- a cuadrillas e condutores".
O persoal de tres meses, 436 efectivos, critica que "as súas funcións non son só as da vixilancia e a extinción de incendios, senón as básicas tarefas de prevención, rexeneración forestal e emerxencias rurais".
Por iso, aínda que valoran e agradecen o traballo dos voluntarios, lémbranlle á Administración que "non é a súa responsabilidade arranxar os problemas derivados de non ter un equipo profesional contratado todo o ano".
"Dirán que non hai diñeiro nin orzamentos, que non somos necesarios, que non hai risco de incendio, que as condicións climáticas son distintas (todo iso verdades a medias), pero non poderán xustificar que falta persoal para recuperar os nosos montes cando o están contratando de maneira externa e privada", finalizan.
Escribe o teu comentario