O amigo de Rajoy tamén leva a sede

Manuel Fernando González Iglesias


Rajoy feijoo y lopez seijas 1Rajoy, Núñez Feijóo e López Seijas o 9 de agosto de 2017 en Chantada


Amancio López Seijas é un hostaleiro galego que fixo fortuna en Catalunya, ademais de ser propietario de varios establecementos en lugares estratéxicos da xeografía española, ampliables din á América Latina do Caribe e do Sur.


Hotusa é hoxe unha potencia empresarial con sede na terra de Artur Mas e Puigdemont ata que, agora mesmo, decidiu irse a Madrid sen dar demasiadas explicacións. Oficialmente os portavoces da empresa dinche que si, que se foron, pero non che contan o por que.


O curioso é que hai uns días, cando Rajoy veu a Barcelona, soltouse o pelo pedindo que ninguén se fose da terra de Josep Pla, algo que 'o seu compañeiro de pupitre leonés', o todopoderoso Amancio López, debeu escoitar e que, polo que parece, lle entrou por un oído e lle saíu polo outro.


Compañeiro de veraneo en Sanxenxo e anfitrión no seu hotel Eurostars da Castellana, López Seijas pasa por ser o hostaleiro de cámara do Presidente do Goberno e ata non hai moito presumía tamén de fotos con Mas e outros destacados valedores do procés e da República errada.


Agora xa non, porque non convén ao negocio ou se cadra porque desde a Moncloa lle aconsellaron a Amancio que desista de facerse notar rodeado de 'malas compañías', que só lle van traer desgustos financeiros tras a hecatombe que se aveciña sobre a 'Catalunya rica i plena' que se canta na letra de Els Segadors.


Como o silencio outorga, e o da marca Hotusa Hotels é nestes momentos de libro Guinnes, habemos de supoñer que a Don Amancio o que realmente lle calou na terra que ocuparon os fenincios é aquela frase de que 'la pela es la pela' e que é esa a única razón que o fixo emigrar fiscalmente cara a Madrid, xa que 'a lea catalá' vai para longo e non ten boa pinta.


A súa condición de galego tampouco se nota moito, posto que os que agora mesmo apostan por Galicia son os seus rivais directos, os Barceló, que acaban de abrir hotel en Vigo, coa marca Occidental e dispóñense a crecer coa chegada do AVE á Comunidade, ao que agardan con impaciencia.


En resumo, que como poderán comprobar, algúns empresarios galegos transmútanse en cataláns cando lles interesa, pero en realidade tampouco son moi da terra de Manuel María porque quen vai apostar por un lugar no que cada día hai máis vellos, salvo os parvos de Galiciapress e Catalunyapress, que son da mesma familia empresarial, con redaccións irmás en Barcelona e Santiago? E é que algúns xornalistas non temos remedio.


PD- Por se lle serve de orientación a algún empresario, Orna Comunicación SL e Pomba Press SL pagan os seus impostos en Catalunya e Galicia indistintamente e non moveron as súas sedes fiscais nin co procés nin coa indiferenza da Xunta, que esa é outra.


Artigo publicado orixinalmente en Catalunyapress.es

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE