A dirección do PSdeG ratifica a Leiceaga como portavoz parlamentario
Gonzalo Caballero designará un núcleo máis reducido que se reúna con máis frecuencia que a executiva ao completo.
Primeira reunión da nova executiva. Foto: PSdeG
A executiva do PSdeG confirmou a Xoaquín Fernández Leiceaga como portavoz do grupo parlamentario este martes, na súa primeira reunión tras o congreso que ratificou a Gonzalo Caballero como líder dos socialistas galegos o pasado fin de semana.
O propio Caballero explicou en rolda de prensa que o regulamento do Grupo Socialista establece que corresponde á executiva designar ao portavoz parlamentario, de forma que el propuxo o nome de Leiceaga e este foi aprobado "por asentimiento".
Caballero explicou que esta foi a decisión "fundamental" da primeira reunión dunha executiva na que se analizaron cales serán os mecanismos de traballo e a periodicidade das reunións do equipo que impulsará "unha nova etapa" no PSdeG.
REUNIÓNS MENSUAIS
O dirixente socialista explicou que a previsión é que a executiva se reúna "polo menos unha vez ao mes". Dentro da mesma, configurarase unha permanente que manterá encontros máis a miúdo. Os nomes que conformarán este núcleo máis reducido serán propostos polo secretario xeral na próxima reunión da executiva.
Finalmente, preguntado sobre a periodicidade coa que se reunirá o Comité Nacional, indicou que aínda non foron elixidos os membros do mesmo que serán designados directamente desde as agrupacións locais.
Concluíu que este paso darase "unha vez elixidas as direccións provinciais e as locais". "Por tanto, aínda non está integramente configurado e haberá que esperar a que o estea para que se poida reunir con normalidade", resolveu.
Escribe o teu comentario