Gonzalo Caballero renova a executiva do PSdeG sen incluír ningún afín a Villoslada

A renovación da dirección do partido é practicamente total, ao repetir só dúas persoas do total do 49.


|

GonzalocaballeroejecutivaA nova executiva do PSdeG.

O 71,18 por cento dos preto de 400 delegados do congreso do PSdeG deron o seu respaldo á executiva composta polo novo secretario xeral, Gonzalo Caballero, na que o coruñés Pablo Arangüena, o lucense José Antonio Quiroga e o fenés afincado en Pontevedra Iván Puentes ocupan a postos clave e Xoaquín Fernández Leiceaga, quen se retirou da carreira das primarias en favor do vigués, finalmente asume a presidencia para esta nova etapa.


En concreto, Pablo Arangüena encargarase da vicesecretaría xeral de carácter político e da portavocía; mentres José Antonio Quiroga exercerá o control da Organización e Iván Puentes planificará a Política Municipal rodeado dun equipo de catro alcaldes cando falta apenas un ano e medio para que se celebren as eleccións locais.


O encaixe co equipo que apoiou a Leiceaga logrouse tras unha longa negociación, que comezou durante a xornada do sábado e prolongouse durante toda a noite.


En paralelo, e ante a ausencia de mulleres nos primeiros postos, Gonzalo Caballero deseñou dúas vicesecretarías xerais á fronte das cales puxo a dúas pontevedresas: a de Sustentabilidade, que asume Marta Freire, militante de Moaña próxima ao vigués; e a de Igualdade, a cargo de Icía García, afiliada en Meaño e da contorna próxima a Leiceaga.


PARIDADE?


Para atopar de novo unha muller na listaxe de nomes da nova dirección socialista hai que esperar ata o número nove, onde aparece a ex presidenta do Parlamento Dolores Villarino, do equipo de Gonzalo Caballero.


A seguinte localízase no número 16, á fronte da secretaría de Política Social: trátase de Mariña Ortega, concelleira de Benestar e Igualdade no Carballiño (Ourense).


En total, as mulleres ocupan 24 dos 49 postos da executiva, aínda que 14 deles saen das 19 secretarías executivas que non teñen un contido determinado. En cambio, da trintena de cargos definidos, as mulleres socialistas só se fixeron cunha decena de cadeiras.


INTEGRACIÓN?


Máis aló dos principais asentos, o equipo que apoiou a Leiceaga fíxose con algo máis dunha ducia de prazas entre as 30 con contido específico.


Á parte dos acordos pechados ao longo da noite co sector máis próximo a Leiceaga (que tamén terá praza no Comité Federal), fontes da contorna de Juan Díaz Villoslada, quen competiu con Gonzalo Caballero nas primarias, criticaron non obter representación nalgún dos órganos de dirección.


E é que, como sinalaron, o coruñés obtivo un 42 por cento dos votos nas primarias do pasado día 8, polo que representa unha parte relevante da militancia que se ten que ter "en conta".


Pese ao desacordo coas "esixencias" deste sector, como as chegou a cualificar un dos máis próximos a Gonzalo Caballero, o secretario xeral si fixo unha chiscadela ao sector oficialista da agrupación de Vigo, co que tradicionalmente estivo enfrontado.


Así, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, convértese nunha das sete persoas que o PSdeG envía ao Comité Federal, o máximo órgano do partido entre congresos.


Con todo, este xesto non bastou para que, ben a propia Carmela Silva ou ben o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tío do novo secretario xeral do PSdeG, participasen no congreso, como si fixeron ex presidentes, deputados, senadores, alcaldes e concelleiros socialistas.


RENOVACIÓN


Atendendo ao grao de renovación sobre a última executiva socialista, a que en 2013 impulsou José Ramón Gómez Besteiro tras gañar as primarias consultivas, é practicamente total.


Naquel momento, a lista era de 29 persoas entre as cales só repite Iván Puentes --naquel momento era secretario de Dereitos Cidadáns-- e Belén Louzao --quen pasou da secretaría de Cooperación a asumir unha secretaría executiva sen carteira--.


relacionada Gonzalo Caballero asume con "vertixe" a "responsabilidade enorme" á fronte do PSdeG
relacionada Gonzalo Caballero planea designar a Leiceaga como presidente da nova executiva

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE