Os traballadores das auxiliares de Navantia suspenden a folga
Celebraron este xoves un referendo nos dous estaleiros da empresa pública, despois de tres semanas de paro indefinido.
Os operarios das empresas auxiliares que traballan nos dous estaleiros que Navantia ten a Ría de Ferrol decidiron, nunha votación en urna, a suspensión temporal da folga indefinida que mantiñan desde o pasado 5 de outubro e que estaba convocada en solitario polo sindicato CIG.
O referendo celebrouse desde media mañá e ata o mediodía nos estaleiros de Fene e Ferrol e arroxou un resultado de 681 votos a favor de paralizar a folga de maneira temporal e abrir un proceso de negociación cos empresarios, por 484 de manter o paro indefinido, ademais de contabilizarse 7 votos en branco e 3 nulos.
Participaron na votación un total de 1.175 traballadores, que se corresponden con aqueles que ficharan o 3 de outubro, dous días antes de iniciarse o paro, para facilitar que todos aqueles que foron despedidos ao longo das tres últimas semanas, por este conflito, puidesen exercer o seu dereito ao voto.
VOTACIÓN POR CENTROS
Por centros, no caso de Navantia Ferrol foron 478 os votos que se situaron para o levantamento temporal do paro, por 221 a favor de mantelo. Mentres, no estaleiro situado no marxe sur da ría, Navantia Fene, foi esta segunda opción, a de continuar en folga indefinida, a maioritaria, con 263 votos, por 203 para desconvocar o paro.
Finalmente, a votación púidose realizar no interior de ambos os estaleiros e estivo supervisada polos representantes dos sindicatos CIG, CCOO, UXT e M.A.S., ademais de por integrantes dos comités de empresa das antigas Bazán e Astano.
Escribe o teu comentario