As empresas auxiliares levántanse da mesa de negociación
A CIG e os sindicatos contrarios á folga pactaron unha proposta unitaria para esixirlle ás empresas que incumpren os acordos.
A folga indefinida que mantén en solitario o sindicato CIG entre as empresas auxiliares que operan nos dous estaleiros que Navantia en Ferrol continuará tras non lograr un acordo entre a parte empresarial e os representantes dos traballadores.
Así o deron a coñecer aos empregados destas empresas nunha asemblea. Os sindicatos CIG, CC.OO, M.A.S e UXT pactaron unha proposta "unitaria" que presentaron aos empresarios para tentar chegar a un acordo que finalice o conflito laboral.
Tras dúas reunións, a parte empresarial "non respondeu" á iniciativa trasladada polos representantes dos traballadores e "levantouse da mesa".
A proposta sindical pedía que as empresas abonasen aos traballadores o 50 por cento dos días que estiveron en folga e o 50 por cento restante en concepto de vacacións.
Doutra banda, solicitaron que as empresas que incumpren os acordos de 2001 paguen o 50 por cento da diferenza do soldo de cada traballador con respecto ao que debería estar a cobrar segundo esas táboas salariais.
O paro convocouse, precisamente, co obxectivo de que todas as compañías se comprometan a aboar as táboas salariais pactadas no ano 2001 entre Navantia, patronal de auxiliares e representantes sindicais.
Na asemblea, na que interveu a CIG, tamén se produciron algúns enfrontamentos verbais entre partidarios de manter a folga e outros traballadores que pedían votar a fin do paro, proposta que o sindicato nacionalista rexeitou porque non hai proposta nin resposta da parte empresarial.
O EXCALIBUR, A FRANCIA
Por outra banda, o buque gaseiro 'Excalibur', que tiña previsto entrar en carenas para diversas obras de mantemento e reparación e que continuaba este martes fronte ás costas ferrolás, trasladarase finalmente a un estaleiro francés.
Escribe o teu comentario