A folga nas auxiliares de Navantia pode ter as horas contadas
Os sindicatos contrarios á medida negocian coa CIG un acordo que leve a desconvocar o paro tras 20 días.
A folga indefinida que mantén en solitario o sindicato CIG entre as empresas auxiliares que operan nos dous estaleiros que Navantia ten na Ría de Ferrol pode finalizar nesta xornada de martes se frutifican as negociacións iniciadas na tarde do luns nun hotel de Narón, durante tres horas e media, onde sentaron para buscar unha saída a este conflito os representantes dos catro sindicatos en conflito.
Así, negocian por unha banda a CIG, como único convocante do paro, e por outro CC.OO., UXT e M.A.S., que propoñen levantar a folga e iniciar un proceso de negociación cos empresarios das compañías.
Ademais, estas negociacións retomáronse desde as 8,00 horas deste martes no mesmo escenario, e por ambas as partes, en declaracións a Europa Press, manifestouse, que "existe vontade de todos para evitar que se repitan situacións como as vividas na mañá de onte (luns)", con enfrontamentos verbais entre traballadores que a punto estiveron de ter consecuencias maiores.
CONTINUAN OS PIQUETES
Coincidindo con estes encontros, e desde as 5,00 horas, volvéronse a concentrar ante as portas dos dous estaleiros públicos da Ría de Ferrol os piquetes informativos, nesta ocasión só os partidarios do paro, que cumpre nesta xornada o vixésimo día consecutivo de folga.
Mentres, os traballadores que están a favor de levantar esta medida de protesta non acudiron ás portas seguindo as recomendacións dos seus delegados e comités de empresa, para evitar de novo situacións de enfrontamento. Todos eles esperan que as negociacións frutifiquen e se desbloquee este conflito.
Por outra banda, o buque gaseiro 'Excalibur', que tiña previsto entrar en carenas para diversas obras de mantemento e reparación, e cuxo armador, segundo Navantia, ameazaba con trasladar o buque a outro estaleiro se non se poñía este luns fin a este paro, continúa este martes fronte ás costas ferrolás, concretamente a unhas 20 millas mar dentro.
Escribe o teu comentario