Viaqua logra reducir os enganches fraudulentos en Galicia en pleno contexto de seca
A empresa constata un 16% menos de conexiones ilegais á rede de auga tras incrementar os medios para detectar estas fraudes.
Na parte inferior dereita debería haber un contador. Foto: Viaqua
Nesta situación de alerta por seca que vive Galicia cobra maior relevancia se cabe o aforro de auga e o seu uso sustentable. E neste contexto, Viaqua conseguiu reducir o número de conexións ilegais nas redes de abastecemento en Galicia.
A empresa informa nun comunicado de que "no que levamos de ano, detectáronse 508 enganches fraudulentos, o que supón un lixeiro descenso do 16% respecto ao mesmo período do ano anterior no que se detectaron un total de 606 fraudes".
Viaqua subliña que esta redución conseguiuna tras aumentar o esforzo en medios humanos e materiais. Para localizar estas tomas fraudulentas, "os equipos de inspección da empresa aplican métodos de traballo baseados na vixilancia, a análise e a detección e medios avanzados como a utilización de microcámaras endoscópicas que permiten a detección directa de conexións fraudulentas antes do contador".
Ademais, informa de que nos concellos onde a empresa xestiona o servizo da auga está a avanzarse na dixitalización das acometidas, un avance que facilitará a detección de fraudes.
DELITO E INSOLIDARIEDADE
Viaqua lembra que "a manipulación dos contadores, as derivacións da subministración, así como as tomas ilegais e clandestinas enfocadas á defraudación de auga, están consideradas e penadas como delito no Código penal".
Pero, ademais do aspecto xudicial, sinalan estas accións como "totalmente insolidarias co resto dos consumidores", porque provocan encarecemento do prezo e atacan o medio ambiente.
Por iso, Viaqua ponse a disposición de todos os clientes para que poidan denunciar de forma anónima calquera irregularidade na subministración, a través do seu teléfono, web ou nas súas oficinas.
Escribe o teu comentario