Serrat: "Prefiro sentir medo que vergoña"

Manuel Fernando González Iglesias

JoanManuelSerrat 1

Joan Manuel Serrat estivo no foco da polémica por unhas declaracións sobre o referendo.


Unha das desgrazas que nos trouxo este "procés" de secesión foi a división entre cataláns. A min, persoalmente e escribino varias veces, séntame fatal esa teima que teñen os ultras-secesionistas en colocar o sambenito de mal catalán a todo aquel que non comulgue coas súas ideas, aínda que a vítima sexa unha figura internacionalmente recoñecida como é o caso do personaxe que me ocupa.


Para min Joan Manuel Serrat é unha persoa admirable. Dela faloume apaixonadamente no ano 70 do século pasado o meu admirado compañeiro e un dos impulsores da Nova Canço, Salvador Escamilla, desgraciadamente desaparecido, e que por aquel entón dirixía con gran éxito, a pesar da censura franquista, RadioScope na miña primeira casa radiofónica que foi Radio Miramar.


Como eu era moi novo, apenas 20 anos, e acababa de regresar de Arxentina, onde pasara un par de anos, sabía por aqueles anos que Serrat era un Deus en América Latina tras a súa primeira xira por aquel continente, no que precisamente fixo as súas últimas declaracións sobre o desdichado referendo, polo que os bos consellos de Escamilla non me soaron a nada novo, pero si que me quedou gravado na memoria o seu gran afecto e admiración por Serrat.


Como moitos lembrarán, Joan Manuel Serrat autoexiliouse en Latinoamérica por mor dos últimos fusilamentos de 1975, que denunciou internacionalmente nunha multitudinaria rolda de prensa cando se atopaba en México. E súas son tamén as declaracións máis soadas que se fixeron contra a Ditadura de Pinochet, que lle prohibiu entrar en Chile en setembro de 1988 e que todos os chilenos gardan aínda no seu corazón.


Os meus dous discos de cabeceira seguen sendo o LP que dedicou a Antonio Machado, con portada de cor vermella intensa, e o tamén LP de Mediterráneo, unha obra mestra dedicada a Catalunya, a súa terra, e ao talante que define ás súas xentes e que todo o mundo trata de manipular no seu favor.


Tratalo, el así o dixo, como un árbitro de fútbol ao que se lle menta ata a nai, no medio dun partido de máxima rivalidade, como é o que agora disputamos politicamente falando, prodúceme unha infinita tristeza e unha pacífica indignación.


Serrat é demasiado grande e boa xente como para que agora se lle monte a rifa, que os que non somos independentistas, non lle montamos ao cantante e compositor Lluís Llach, aínda que como deputado deixe moito que desexar. A obra musical de Llach é unha cousa e os seus vaivéns políticos, antes socialista e agora secesionista, son outra perfectamente separable.


Teñamos a festa en paz e se non é así, deixemos aos nosos xenios no lugar en que eles mesmos gañaron co seu talento e co seu esforzo. Porque se non o facemos, logo, cando volva a paz e o acougo, ímonos arrepentir moito das barbaridades que lles dixeramos. A miña opinión é unha máis, pero creo que o catalán Joan Manuel Serrat merece o dereito para opinar libremente sobre todo o que a el lle pete, especialmente cando fala de Catalunya. Se cadra, por iso, unha das súas últimas frases roza xa a excelencia: "Prefiro pasar medo que vergoña".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE