Numerosos colectivos únense contra a que denominan "Lei de Depredación de Galicia"
Distintos colectivos sociais puxeron en común a súa preocupación pola Lei de Fomento Empresarial impulsada pola Xunta e que se tramita pola vía de urxencia.
Imaxe da reunión desta semana. Foto: ContraMinAcción
Distintos colectivos sociais puxeron en común a súa preocupación respecto do proxecto de Lei de Fomento Empresarial impulsado pola Xunta e que se tramita pola vía de urxencia.
Tal e como informan nun comunicado, á reunión en Santiago asistiron representantes de: ADEGA, CIG, Comisión contra as minas da Terra Chá, Comisión de Medio da Gentalha do Pichel, ContraMinAcción, Equo, Organización Galega de Comunidades de Montes, Plataforma para a Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Sindicato Labrego Galego, Verdegaia e Véspera de Nada.
O seu obxectivo, acordar iniciativas de mobilización contra a que denominan "Lei de Depredación de Galicia". E é que entenden que a intención da norma que avanza "tratando de eliminiar calquera debate público" é "desregular ámbitos como o eólico, forestal, mineiro, usos hidráulicos, cooperativas, etc".
Así, advirten das consecuencias ambientais e sociais que terá a futura norma se sae adiante e critican que con esa lei "será practicamente imposible facer defensa do patrimonio ambiental galego".
"A información ambiental quedará secuestrada, dereito que na práctica se elimina, deixando en mans das empresas mineiras que decidan que é segredo industrial, nun claro conflito coa lexislación europea e española", alertan. Ademais, rexeitan que se "eliminan controis ambientais e acúrtanse os prazos para evitar todo tipo de alegacións da cidadanía".
Con este panorama, rexeitan a "falacia" da Xunta cando argumenta que a finalidade é competir cos investimentos empresariais do norte de Portugal, pois "toda a desregulación vai dirixida a sectores primarios e extractivos, que dependen fundamentalmente da existencia ou non de recursos e, en menor medida, do marco normativo".
Escribe o teu comentario