O custo de levar o lixo de Vigo a Sogama dispárase por un novo corte de vía
O peche ferroviario entre Vigo Guixar e Redondela, decretado por Adif durante polo menos un mes para levar a cabo a renovación da liña, obriga á empresa pública a transportar máis de 23.000 toneladas de residuos en camión, agravando un conflito institucional que se arrastra desde hai tempo.
Un mes enteiro sen tren. Iso é o que Adif comunicoulle a Sogama ao notificarlle que, desde o 7 de abril até o 7 de maio, o tráfico ferroviario entre a terminal Guixar-Vigo e o Complexo Ambiental de Cerceda quedará totalmente interrompido. A razón esgrimida son "diversas obras para a renovación integral da infraestrutura e a vía no tramo Redondela-Vigo Guixar", accións enmarcadas na adaptación ao Corredor Atlántico, o famoso e polémico corredor de mercadorías.
As consecuencias para a Sociedade Galega de Medio Ambiente para o funcionamento da empresa encargada de xestionar os residuos da práctica totalidade do país son notables: a cancelación de 39 traxectos ferroviarios, o equivalente a 1.170 colectores cargados con 20 toneladas de residuos cada un. Todo este volume deberá transportar por estrada utilizando os medios propios da empresa, co impacto previsible tanto nos custos operativos como nas emisións de CO₂.
Así as cousas, o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, enviou unha carta aos municipios afectados pedindo desculpas polas molestias ocasionadas por unha situación «totalmente allea ao control de Sogama e as autoridades locais», e agradecendo a colaboración das administracións municipais, como xa fixera en episodios similares anteriores.
Incidentes repetidos
Esta nova incidente non é un caso illado. En febreiro de 2026, unha interrupción similar na mesma liña xa obrigou a Sogama a reorganizar urxentemente o transporte, contratando 19 remolques para evitar o colapso das plantas de transferencia. Naquel momento, tanto a empresa como a Xunta de Galicia criticaron abertamente a Renfe pola falta de comunicación previa e a ausencia de solucións alternativas para o traslado de mercadorías.
O problema fundamental vai máis aló das obras puntuais. Sogama paga ao redor de 7 millóns de euros anuais por un servizo ferroviario que a propia entidade define como "cada vez máis ineficiente". O tren é a principal vía para o transporte do 60% dos residuos que chegan desde localidades como Vigo ás instalacións de Cerceda, polo que calquera interrupción ten un impacto directo na loxística de todo o sistema galego de xestión de residuos. Hai que lembrar que SOGAMA é un 51% polo que se os seus custos soben, quen acaba asumindo finalmente a maioría da factura é o erario autonómico.
A substitución do ferrocarril polo transporte por estrada tamén supón un claro retroceso nos obxectivos de sustentabilidade que promoves os poderes públicos, ao aumentar as emisións e o tráfico de vehículos pesados nas estradas galegas.
Melloras futuras, problemas de hoxe
No seu defensa, Renfe alegou que as obras que provocan este corte forman parte dun importante proxecto de modernización. A liña entre Guixar, Redondela e Guillarei permanecerá afectada durante os próximos meses —fontes do sector apuntan a un ano— para levar a cabo a electrificación, a substitución de travesas e balasto, a mellora dos sistemas de seguridade e mesmo a ampliación de túneles. O investimento superaría os 110 millóns de euros.
Para os pasaxeiros que realizan traxectos de media distancia e proximidades, Renfe habilitou autobuses de substitución e prevé desviar algunhas frecuencias á estación de Vigo-Urzáiz. Pouco consolo supoñen para Sogama, que se lamenta de que non exista alternativa ferroviaria viable: os residuos transportaranse por estrada, e o custo —ambiental e económico— recaerá sobre a empresa pública e, en última instancia, sobre os galegos.
Escribe o teu comentario