Misión ante a ONU para dununciar "o espolio do franquismo en Galicia"

Ana Pontón anuncia que encabezará a delegación do BNG que acode a Xenebra o mércores. O PSdeG ve unha "burbulla" xerada ao redor de Meirás.


|

Pazomeirascapilla


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ratificou que este mércores unha delegación da súa formación desprazarase a Xenebra para presentar unha denuncia ante a ONU contra "o espolio do franquismo en Galicia" en relación ao Pazo de Meirás e a outros bens "roubados ao pobo galego", así como ante a "impunidade" contra a que "aínda actúa o franquismo no Estado.


En rolda de prensa, a preguntas dos medios, Pontón indicou que ela mesma encabezará a delegación que presentará a denuncia en Xenebra.


"Polo que significa o espolio do Pazo de Meirás que pagamos os galegos case a punta de pistola e tamén contra a impunidade do fascismo en España; porque é incrible que haxa persoas perseguidas pola súa opinión, por defender a democracia e, ao mesmo tempo, se permita a exaltación do fascismo sen que haxa ningún tipo de consecuencia", esgrimiu a dirixente nacionalista.


RUEDA DUBIDA DA VÍA XUDICIAL


O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que levar ante a Fiscalía a recuperación para o patrimonio público das propiedades da familia Franco é unha cuestión que ten "percorrido xudicial" aínda que se mostrou cauteloso ante a posibilidade de que esa vía poida "ter éxito".


Sinalou que "hai que explorar fórmulas ou físgoas xurídicas para poder iniciar algún tipo de actuación con éxito". "Niso estamos, non sei se o camiño é unha denuncia á Fiscalía. Non é un tema fácil", apostilou.


O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, pola súa banda, interpretou que en En Marea rexeita na Cámara autonómica a "vía correcta" que, na súa opinión, o Goberno de Compostela Aberta leva a cabo para recuperar as figuras do Mestre Mateo que están en mans da familia Franco.


Nunha roda de prensa ofrecida este luns, o portavoz popular destacou que o Concello de Santiago optou por unha "vía moi correcta", como é "facer unha boa documentación dos expedientes en relación coa propiedade desas figuras".


Neste sentido, volveu apostar por "reunir un conxunto de expertos xurídicos e historiadores que poidan documentar como foi a transmisión da propiedade á familia Franco e, a partir de aí, ver que mecanismos de actuación legal hai".


UNHA "BURBULLA"


O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou ter "a impresión" de que, en torno ao Pazo de Meirás, está a xerarse no ámbito político "unha especie de burbulla na que cada vez as apostas son máis altas para acabar explotando cando dentro da burbulla, á súa vez, hai pouca cousa".


Crítico con esta situación, reafirmouse en que é necesario ir "por outra dirección" e aludiu a activar e traballar cunha comisión "plural" con expertos universitarios e xuristas que dirixa a Xunta, pero que tamén incorpore a persoas propostas por outras institucións como a Deputación da Coruña ou os Concellos da Coruña e Sada.


relacionada Ana Pontón chama a saldar a "débeda ética coas vítimas" do franquismo
relacionada A Fundación Franco pensa denunciar os membros do BNG que entraron en Meirás
relacionada Aposta por recuperar gratis Meirás acreditando que a súa 'doazón' foi unha fraude

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE