Unai Sordo: "Temos que ir cara aos 1.000 euros de salario mínimo"

O secretario xeral de CCOO recoñece que é necesario implicar os traballadores na negociación colectiva.


|

UnaisordoramonsarmientoUnai Sordo e Ramón Sarmiento. Foto: CCOO

O secretario xeral confederal de Comisións Obreiras, Unai Sordo, expuxo "ir cara aos 1.000 euros" de salario mínimo interprofesional (SMI). Por outra banda, reclamou que o Estado destine un 15% do seu produto interior bruto (PIB) para manter o sistema público de pensións.


Foron dous das principais demandas que Sordo lanzou desde Galicia ao comezo do novo curso, despois de participar no Consello Nacional de CCOO Galicia, xunto ao seu secretario xeral, Ramón Sarmiento.


En declaracións aos medios de comunicación ao termo da súa intervención, Sordo subliñou a "necesidade de dar un salto adiante no organizativo para chegar máis e mellor á xente traballadora".


Por iso, asegurou que CCOO está "en disposición de pasar á ofensiva nun momento no que a economía crece ao 3% e os salarios fano a menos da metade dese ritmo de crecemento".


O sindicato, dixo, "quere impulsar cara arriba os salarios", posto que a crise "afectou á xente do mundo do traballo e especialmente á xente que menos gana". "E, se os salarios máis baixos son os que máis caeron na crise, na saída da crise o que hai que facer é incrementar o conxunto dos salarios, particularmente os salarios máis baixos", razoou.


O líder de CCOO destacou que é preciso para iso "impulsar dinámicas de participación e mobilización na negociación colectiva" e tamén viu "importantísimo o debate sobre o salario mínimo interprofesional, que en España ten uns ridículos 700 e pouco euros de base e que é un salario mínimo interprofesional indigno".


"Temos que ir cara aos 1.000 euros de salario mínimo interprofesional porque hai xente que está a traballar con salarios de miseria e hai xente que está a traballar e a pesar de estar a traballar está por baixo dos limiares da pobreza relativa", advertiu.


Esta situación, na súa opinión, é "insustentable" nun país en plena Europa, que ademais está a crecer ao 3,2% no seu PIB. De feito, para Sordo, "a desigualdade forma parte non dun accidente senón da estratexia de fondo da saída da crise", e hai que "atallala desde os salarios e desde as prestacións sociais".


REVALORIZACIÓN DAS PENSIÓNS


Neste último terreo aproveitou para sinalar outra reivindicación: en materia de pensións. Comisións, segundo indicou, vai empezar a mobilizarse nunha marcha de pensionistas para esixir a revalorización das pensións e que estas "deixen de perder poder adquisitivo". Co obxectivo último de "garantir a súa pervivencia no futuro".


"É perfectamente posible manter un sistema público de pensións viable se este país está disposto a gastar o 15% do PIB, que é o que gasta Italia ou Francia", expuxo o secretario xeral de CCOO.


"Se España quere gastar o 15% do PIB en pensións, pode ter un sistema público perfectamente viable", profundou. "E se o Goberno non se avén a razóns neste tema e non reformula partes da última reforma que fixo, ímosllo lembrar desde a rúa", apostilou.


Deste xeito resumiu estes "tres grandes obxectivos": o da mellora salarial pola vía da negociación colectiva, a mellora salarial pola vía de incrementar os salarios máis baixos e impulsar á alza o SMI e as pensións, "para garantir que o sistema é viable e son suficientes para esa chea de 9-10 millóns de pensionistas que hai no conxunto do estado español".


CONTACTOS COA PATRONAL


Sordo apuntou que os contactos coa patronal para negociar as subidas salariais "non empezaron" pero teñen este mesmo luns unha reunión e o martes un segundo encontro.


"Nós imos expor un escenario de que este país necesita que os salarios crezan por encima dos termos da inflación e que recuperen protagonismo", incidiu.


Nesta liña, explicou que "ao longo da crise se perderon máis de 2 puntos na distribución da renda nacional" e opinou que "isto hai que corrixilo", por "xustiza social" pero tamén por "eficacia económica".


A este respecto, argumentou que "de 3,2 puntos que crece España, 2,2 puntos son adxudicables a causas externas como o prezo do petróleo e o prezo do diñeiro". "Iso, que pode cambiar, podería tirar á baixa o crecemento", avisou, para xustifica a idea de que é necesario "mellorar os salarios para mellorar a demanda interna, para mellorar o consumo e así xerar máis actividade e máis emprego".


relacionada O efecto da subida do salario mínimo sobre o emprego será "limitado"
relacionada Un terzo dos contratos que se asinan en Galicia non chega a unha semana
relacionada A hora traballada en España é 8,5 euros máis barata que na zona euro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE