A Fundación Franco cancela as visitas a Meirás alegando "motivos de seguridade"
O desplante chega tras a insinuación da Xunta de que os herdeiros do ditador pretenden sacar tallada económica forzando a expropiación.
Captura da web da FNFF.
A Fundación Francisco Franco anunciou a cancelación das visitas ao Pazo de Meirás "por motivos de seguridade", segundo publicou na súa páxina web.
"Por motivos de seguridade, as visitas ao Pazo de Meirás quedan canceladas ata nova orde", reza unha mensaxe colgada na web da fundación, encargada de xestionar as visitas ao pazo propiedade da familia do ditador.
O anuncio chega tras a 'ocupación simbólica' levada a cabo por membros do BNG e un día despois de que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, opinase que un "modo" de que a familia Franco "se reconcilie" con "parte da sociedade" é que "doase" o Pazo de Meirás ao pobo galego.
Así se pronunciou o titular de Cultura ao ser preguntado polos xornalistas sobre as palabras do o presidente da Xunta, que lles pediu aos Franco que doen este ben de interese cultural (BIC) ao patrimonio galego se non asumen cumprir as normas de visitas estipuladas. Feijóo tamén insinuou que os herdeiros do ditador pretenden sacar tallada económica forzando a expropiación.
Ademais, a Xunta informou a pasada semana que o expediente aberto á familia Franco por non abrir ao público o Pazo de Meirás está "a piques de pecharse" e que "seguramente" terá "carácter sancionador".
Escribe o teu comentario