O BNG coloca sobre o PP a presión para reverter "a apropiación de Meirás"
A Xunta anuncia unha sanción á familia do ditador, mentres a iniciativa na internet que pide a ilegalización da Fundación Franco supera as 100.000 firmas.
Busto de Franco instalado en Meirás. Foto: @rubencela
O deputado do BNG Luís Bará instou ao Partido Popular a "romper coa súa posición de ambigüidade" e a poñer fin "á legalización do roubo e da corrupción a gran escala" que, na súa opinión, "está detrás da apropiación do Pazo de Meirás" por parte da familia Franco.
Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves despois de que o mércores militantes do BNG fixesen unha "ocupación simbólica", o parlamentario nacionalista volveu reiterar que a situación deste pazo é "extremadamente grave" e que "supón un ataque á dignidade colectiva" e "unha falta de respecto ás vítimas do franquismo en Galicia".
"Entendemos que esta falta de democracia merece unha resposta contundente como a que estamos a dar desde o BNG", manifestou Luís Bará, que criticou a "actitude das institucións do Estado" e, especialmente, "a dos gobernos do PP" como a Xunta, á que acusou de manter unha "tolerancia e complicidade" coa situación de Meirás.
Por tanto, avogou por poñer fin a esta "anomalía democrática" a través da creación dun "cordón sanitario democrático antifascista". "Queremos esixirlle ao PP que rompa con esa posición de ambigüidade co franquismo, que diga claramente de que lado está", apuntou.
SANCIÓN Á FAMILIA FRANCO
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou que o expediente aberto á familia Franco por non abrir ao público o Pazo de Meirás está "a piques de pecharse" e que "seguramente" terá "carácter sancionador".
Así se expresou, a preguntas dos medios este xoves, o titular de Cultura da Xunta, que indicou que a resolución do expediente --aberto o pasado mes de marzo tras constatarse que o teléfono habilitado para xestionar as solicitudes de visitas non estaba operativo-- "pode ser en semanas", aínda que matizou que non é unha cuestión "fácil".
100.000 FIRMAS
Máis de 100.000 persoas asinaron a través de Internet a petición de que a Fundación Francisco Franco, que xestiona as visitas a Meirás, sexa ilegalizada. Entre os argumentos resaltan que se trata dunha entidade que ten entre os seus obxectivos a "proxección do ideario" do ditador "sobre o futuro da vida española", "enaltecer a figura de Franco", e "preservar o seu legado", en liña coas declaracións feitas sobre as visitas ao Pazo.
No texto da iniciativa, realizada a través do portal Change.org, denúnciase que a Fundación recibiu case 150.000 euros en subvencións entre 2000 e 2003.
Ademais, alúdese a que varios partidos consideran que debería ilegalizarse por "promover o odio" e "atentar contra a dignidade das vítimas", engadindo que os represaliados polo franquismo tamén compartirían esa demanda ao entender que en Alemaña ou Italia sería inimaxinable unha "Fundación Hitler" ou unha "Fundación Mussolini".
Escribe o teu comentario