Aos colegas de El Periódico caeulles encima a ira independentista por facer ben o seu traballo e contarnos a historia da mensaxe da CIA que si que chegara tamén a Catalunya e que, desgraciadamente para os que vivimos ou traballamos en Barcelona, resultou certa.
Se cadra, os colegas do diario que fundara Antonio Asensio deberían esperar que acabase o famoso procés para publicar "a súa noticia", pero claro, como os independentistas tampouco esperaron a que se celebrase a manifestación do "no tenim por" para insultar o Rey, o Goberno e todos aqueles que viñeran á cidade para ofrecer o seu apoio e a súa solidariedade, pois tampouco lle vas pedir logo aos xornalistas, que somos o que se coñece como "a canallesca", que gardemos unha primicia despois de que os soberanistas sexan incapaces de respectar os sentimentos dunha maioría cidadá e o debido respecto ás vítimas e as súas familias.
Así que, colegas, facede como os que traballamos na profesión e somos máis pequenos en tamaño pero iso non nos impide seguir pelexando e realizar unha información crítica cos poderes e seguimos defendendo a liberdade de expresión desta profesión de xornalista. Tirade cara a adiante e seguide publicando noticias. E se na vosa redacción recibides unha chamada que vos pida que botedes a un colaborador como Gregorio Morán denunciádeo tamén publicamente, para que ninguén pense que vos deixades ningunear polos que mandan, como xa pasou noutro gran diario catalán.
Ser xornalista nestes tempos é difícil, mesmo máis que na Transición, que xa me custa recoñecelo, e iso é así porque aquí, en Catalunya, estamos a ser rodeados e acosados por un perigoso grupo de fanáticos, mentres en Madrid levitan políticos torpes ou xordos, que nin entenden o que pasa, nin maldita falta que lles fai e tomaron esta traxedia coma se estivesen a xogar unha tranquila partida de xadrez.
Hoxe ao ler, por exemplo, La Voz de Galicia -un gran diario galego-, e ler o editorial do seu veterano editor, que escribe pouco, pero que cando o fai é que pasa algo moi grave, deime conta de que neste país a esencia da profesión non se perdeu. Por iso, teño a esperanza que todo acabe pronto. Ben, a min quédame aínda en decembro sentar nun banco por lle chamar incompetente ao alcalde Tarrasa, un asunto menor, comparado co voso, colegas, xa que ao Shériff Trapote onte vino moi encabuxado, e iso son palabras maiores, xa que "o Maior" está agora mesmo na "crista da onda" e ademais canta moi ben, e por iso, pode tomar represalias moi serias contra vós e montarvos un concerto de seiscentas cancións de Serrat e os Beatles, interpretadas por el mesmo, diante da vosa sede e iso si que é unha arma letal.
Así que, por favor, tede coidado e non deixedes de publicar a segunda parte do relato que estou seguro que será máis interesante que a primeira. Se cadra a quen máis interesa é ao Xuíz Andreu e á Comisión que ha de crearse no Parlament para investigar o atentado.
Escribe o teu comentario