A Garda Civil caza un condutor cambiando de sentido en plena autoestrada
Unha patrulla viuno dar a volta e arrincar "en dirección a Ferrol polos carrís sentido A Coruña". Estaba desorientado e acabou no hospital.
Efectivos do Destacamento de Tráfico de Ferrol interceptaron este luns a un condutor de 74 anos, de iniciais J.C.V., que circulaba pola autoestrada AP-9F en sentido contrario á altura do quilómetro 27 no municipio de Cabanas.
Segundo informou o Instituto Armado, sobre as 6,45 horas deste luns un Toyota Yaris foi interceptado por unha patrulla da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, que observou directamente a infracción. O usuario "realizaba unha manobra incorrecta de cambio de sentido en plena autoestrada", explica a Benemérita, á altura do punto quilométrico 27, no termo municipal de Cabanas, tras o que iniciou de novo "a marcha en dirección a Ferrol polos carrís sentido A Coruña".
Unha vez realizadas as dilixencias e investigacións oportunas sobre o autor dese suposto delito, resultou ser un home de 74 anos de idade veciño da localidade coruñesa de Valdoviño, o cal obtivo resultado negativo na proba de alcoholemia e drogas.
As mesmas fontes sinalaron que esa persoa se atopaba desorientada, polo que foi avisado o 061, que enviou medios para a súa observación e traslado a un centro hospitalario.
PERMISO INTERVIDO
Finalizadas as xestións e dilixencias, o condutor foi investigado por delito contra a seguridade do tráfico ao circular pola calzada destinada ao sentido contrario en autoestrada. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de Instrución de garda de Ferrol.
O condutor, ao que lle foi intervido o permiso de condución, será proposto para a revisión do mesmo pola posible perda de condicións psicofísicas. Tráfico solicita á autoridade xudicial que decrete a intervención cautelar do carné.
Escribe o teu comentario