A Universidade de Santiago de Compostela repite entre as 400 mellores do mundo
De entre as 11 universidades españolas que aparecen, a da capital galega está entre as sete mellores.
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) repite entre as 400 mellores universidades do mundo no coñecido como ránking de Xangai.
En concreto, sitúase no intervalo que vai da 301 ás 400 mellores. De entre as 11 universidades españolas que aparecen, a da capital galega está entre as sete mellores.
Segundo o Academic Ránking of World Universities (ARWU), que realiza cada ano desde 2003 a Universidade Jiao Tong de Xangai, a USC experimentou unha evolución ascendente na lista. Desta forma, nos anos 2016 e 2017, a institución rexistrou a súa mellor posición, segundo informou nun comunicado.
A finais do pasado mes de xuño, o ranking de Xangai adiantaba esta clasificación ordenando as mellores universidades por áreas do coñecemento. No campo das ciencias da vida, a USC destaca en ciencias veterinarias (101-150), ciencias da agricultura (201-300), ciencias biolóxicas (301-400) e ciencia biolóxica humana (401-500).
En canto as ciencias naturais, a compostelá situábase entre a 201 e a 300 en matemáticas, física e química. En ciencias médicas, a USC aparecía por farmacia e ciencias farmacéuticas entre a 151 e a 200.
No campo das enxeñerías, os Campus de Santiago e de Lugo alcanzaron os seus mellores rexistros en ciencias dos alimentos e tecnoloxía (101-150), ciencias da enerxía e enxeñería (201-300), biotecnoloxía (201-300) e ciencias ambientais e enxeñería (301-400).
Das 11 universidades españolas recollidas no ranking de Xangai, as tres mellores atópanse entre a 201 e a 300, que son a Pompeu Fabra, a Universidade de Barcelona e a de Granada. A USC, pola súa banda, comparte intervalo coa Autónoma de Barcelona, a Autónoma de Madrid e a Complutense.
Escribe o teu comentario