Bombeiros comarcais de Pontevedra inician este martes unha folga indefinida
"Todos os bombeiros se xubilan aos 60 anos menos os comarcais galegos, que o fan aos 67", denuncian.
Esixen que a empresa cumpra as súas obrigacións.
Bombeiros do consorcio provincial contra incendios e salvamento de Pontevedra, constituído polos parques de Vilagarcía, Ribadumia, Morrazo e Baixo Miño, iniciarán este martes, día 8, unha folga de carácter indefinido para esixir melloras laborais e de medios; e advertiron que non descartan "medidas máis drásticas" se a situación non mellora.
Nun comunicado, o comité de empresa do Consorcio Contra Incendios de Pontevedra concretou que o obxectivo da folga é esixir o cumprimento dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "que recoñece o dereito dos traballadores a non verse prexudicados pola aplicación do IPC negativo aplicado previamente pola empresa".
Así mesmo, piden que se cumpra a lei para homoxeneizar as condicións laborais dos traballadores dedicados ao sector de emerxencias; e que se lles aplique o coeficiente reductor da idade de xubilación, xa que "todos os bombeiros se xubilan aos 60 anos menos os comarcais galegos, que o fan aos 67".
Ademais, esixen que se cubran as baixas de longa duración con persoal da bolsa de emprego; e que a empresa cumpra as súas obrigacións contractuais, posto que "non dá as 63,25 horas de formación aos traballadores, os vehículos carecen de seguro a todo risco e de xeolocalización, non repoñen o material persoal dos traballadores...".
O comité recoñeceu que a folga "apenas se vai notar no servizo porque vai ser de tres traballadores", pero trasladou que igualmente espera que "se tome en serio" esta medida nun "servizo esencial tan importante" e "se atallen dunha vez por todas as carencias, moitas veces disimuladas pola profesionalidade dos bombeiros".
Escribe o teu comentario