As escolas unitarias, no punto de mira da consellería
Román Rodríguez adianta que "seguro" que haberá algún novo peche de escolas no rural para o próximo curso.
Escola unitaria no rural.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, defendeu a "revisión" e as medidas de reorganización da oferta académica nas zonas rurais, recoñecendo que "seguro" que haberá algún novo peche de unitarias este ano. Neste sentido, avanzou que o seu departamento analizará as matriculacións para contar con datos concretos na segunda quincena deste mes.
"Cando chegue o momento anunciarase". Así o sinalou o titular de Educación nunha interpelación na que a deputada de En Marea Ánxeles Cuña preguntaba polas medidas que aplicará a Xunta para garantir o dereito á educación no rural e se insistirá en novos peches de escolas unitarias nesas zonas.
Rodríguez defendeu a "altísima calidade" do ensino no rural galego, aínda que puntualizou que esta realidade non implica que non se deban tomar "medidas de reorganización" pensando na "sustentabilidade do servizo".
Sobre todo, o conselleiro insistiu na evolución demográfica, "principal problema estrutural de Galicia", que se traslada ao "ámbito de xestión política". No caso educativo, isto tradúcese nunha carencia "forte" de alumnos.
"FALTA DE DIÁLOGO"
Ánxeles Cuña, pola súa banda, denunciou o "desequilibrio territorial" entre os centros das zonas rurais e urbanas, e esixiu á Xunta que "abandone a lóxica economicista" e garanta o dereito destes centros a contar cos "mesmos estándares de calidade" que os das cidades.
Así mesmo, referiuse á recente reorganización de centros impulsada por Educación, con traslados de unidades, fusións de centros e o peche do CPI Emilio Navasqüés, para denunciar os "malos tratos" e "a falta de diálogo" coa comunidade educativa, que sofre estas medidas aplicadas "de costas" a alumnos, profesionais e familias.
Cuña reivindicou "o clamor" dos veciños destas localidades, que "reclaman dignidade" para o sistema educativo, e destacou que algún dos centros afectados colleitaba resultados "por encima da media galega e da europea".
Escribe o teu comentario