A CIG reclama a "inmediata paralización das obras" de Rande
O sindicato pide que se garanta "a seguridade e saúde dos traballadores" para evitar os continuos accidentes laborais.
Obras na ponte de Rande. //Foto: @akollontai twitter
A CIG rexistrou na Inspección de Traballo e a Consellería de Economía, Emprego e Industria senllos escritos para reclamar a "inmediata paralización das obras no ponte de Rande" ata que se garantan a "seguridade e saúde dos traballadores", quen realizan "xornadas maratonianas de ata 12 horas diarias, incluso traballando en sábados e festivos".
Ademais, o sindicato pediu que a Inspección de Traballo pero "sobre todo" a Fiscalía, investiguen o sucedido e se depuren as responsabilidades administrativas, civís e tamén penais que correspondan, "porque a morte dun traballador no seu posto de traballo non pode quedar impune", mantivo o secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves.
Esta reclamación dá continuidade ás denuncias do sindicato, que hai menos dun mes xa convocara unha protesta na ponte polas condicións laborais dos operarios que traballan na ampliación; e responde ao accidente ocorrido o pasado mércores, cando un traballador de 54 anos, Nicolás G.C., faleceu tras precipitarse desde unha altura mentres traballaba nas obras.
INSPECCIÓN DE TRABALLO COÑECÍA Os EXCESOS
Gonçalves remarcou que esta morte "confirma as denuncias" do sindicato, de que as xornadas son "extremadamente" longas (entre 10 e 12 horas), os salarios están por baixo do convenio (7 euros a hora) e os empregados traballan "sen medidas de seguridade". "É a crónica dunha morte anunciada", selou.
Tal e como explicou o secretario nacional da Federación de Construción da CIG, Xoán Xosé Melón, a Inspección de Traballo recoñeceu que había excesos nas xornadas tras unha visita á obra no mes de abril e requiriu á Xunta un cambio.
"A inspección tamén se adiantou ao accidente", destacou o portavoz, antes de avanzar que o sindicato propón levar a cabo accións esta semana e non descarta "ningún tipo" de mobilización.
COMPLICIDADE DA ADMINISTRACIÓN
O secretario comarcal da CIG insistiu en que é necesario paralizar as obras mentres non se poña fin a estes "incumprimentos", e incidiu en que "se non o fai a UTE, terá que facelo a administración, senón será cómplice e responsable de todos os mortos" e accidentes que poidan chegar a suceder.
"Nesta obra os accidentes graves son moi superiores á media", asegurou Melón, que apuntou que "a mellor homenaxe que se lle pode facer a Nicolás --do que dixo que cando faleceu non contaba coas medidas de seguridade básicas nin o seu arnés estaba suxeito á liña de vida-- é que de aquí á finalización das obras, as condicións de traballo se normalicen".
Así as cousas, criticou que "todas as irregularidades danse nesta obra da administración", á que dixo que van pedir un rexistro sobre o número de accidentes que leva acumulados. En relación a iso, manifestou que "se están dando semanalmente" e, de feito, un día despois do falecemento, un operario caeu e rompeu un brazo, e unha semana antes, outro cortou un dedo.
Escribe o teu comentario