Os valores de María Pita, presentes nos "desafíos" actuais da Coruña
Este domingo celebrouse o tradicional acto de conmemoración do asedio inglés á cidade herculina.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, chamou a "ligar" os "valores" da heroína María Pita co presente da cidade no tradicional acto de conmemoración do asedio dos ingleses, celebrado este domingo.
Alí, Ferreiro, acompañado por membros do goberno local e representantes dos grupos da oposición, realizou unha ofrenda floral na residencia de María Pita e en diversos puntos da cidade que lembran á heroína e os defensores da cidade durante o asedio das tropas da Armada Británica en 1589.
Durante a súa intervención, segundo recolle un comunicado do Concello da Coruña, Ferreiro manifestou que a cidade herculina enfronta na actualidade "grandes desafíos" como a conformación da área metropolitana ou a reordenación do litoral.
Así, tras lembrar que María Pita era natural de Sigrás, parroquia situada a once quilómetros do centro da cidade, o rexedor manifestou que "hoxe", do mesmo xeito que a heroína, "unha coruñesa pode selo por vivir na Cidade Vella ou tamén por vivir en Sigrás".
"A propia María Pita así nolo di, converténdose en símbolo do que agora denominamos Coruña Metropolitana", expresou Ferreiro na súa intervención, na que realizou un chamamento a "afrontar o reto da construción da área Metropolitana e seguir empuxando na dirección de darlle unha solución administrativa ao que xa é unha realidade".
REORDENACIÓN LITORAL
Por outra banda, indicou que a reordenación do litoral coruñés supón un "reto" e unha "oportunidade" para decidir "a relación" entre os veciños da cidade e o seu porto. "Somos unha cidade incomprensible sen o seu porto e estamos ante un desafío transcendental", apostilou.
Deste xeito, apostou por abandonar "modelos caducos e fracasados" e apostar por "un novo espazo aberto ao uso da cidadanía" capaz de "xerar novas oportunidades de emprego" ao mesmo tempo.
Ademais, o rexedor herculino tamén lembrou o menor asasinado esta semana, presuntamente, polo seu proxenitor; para logo chamar a "asumir o compromiso efectivo de acabar coa violencia que sofren as mulleres, que son as violencias machistas, a través de medidas legais e de recursos económicos que permitan abordalas desde todas as frontes".
Escribe o teu comentario