As consultas médicas por teléfono consolídanse como unha opción para moitos galegos
En 2016 superáronse os dous millóns de consultas por esta vía, que pode derivarse a unha atención presencial cando é necesario.
As consultas telefónicas en atención primaria ascenderon a un total de 2.226.349 durante o ano 2016, 400.329 máis que durante 2015, isto é un 17%. Esta modalidade de consulta, que escolle o propio paciente, tivo unha importante acollida entre os usuarios do Servizo Galego de Saúde, tal e como reflicte, precisou a Xunta nun comunicado, o número de solicitudes en aumento.
O paciente, de forma voluntaria e no momento no que solicita a consulta, elixe a opción de ser atendido de forma presencial ou a través do teléfono, coas mesmas características de tempo e distribución en calquera das dúas modalidades.
A iniciativa comezou en decembro de 2013 coa especialidade de medicina de familia e en marzo de 2014 ampliouse ás outras categorías profesionais, que iniciaron tamén esta modalidade de consulta.
Desde o inicio, todas as categorías aumentaron porcentualmente o número de citas solicitadas e, actualmente, representan un 8% do total de consultas de atención primaria.
A cita prevé a posibilidade de que o paciente pase a ser atendido de forma presencial, opción que leva a cabo cando é necesario e cunha xestión desa cita de maneira "máis áxil".
Por especialidades, durante o ano 2016 solicitáronse un total de 1.766.255 citas telefónicas para os médicos de familia, 167.015 para pediatría, e 274.221 para enfermería.
Escribe o teu comentario