O Sergas incrementa o seu cadro de persoal fixo en 205 enfermeiros e 82 médicos de familia
Sanidade apunta que en próximas datas incorporaranse 201 novos profesionais das categorías sanitarias de diplomado e técnico.
Un total de 205 enfermeiros e 82 médicos de familia de Atención Primaria incorporaranse ao cadro de persoal fixo do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
Segundo informa a Consellería de Sanidade, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición deste mércores o nomeamento dos aspirantes seleccionados na última oferta pública de emprego das categorías de enfermeiro e médico de familia de primaria.
O Sergas, segundo indica Sanidade nun comunicado, considera "finalizado" o proceso de concurso-oposición para estas categorías con esta publicación no Diario Oficial de Galicia.
Os aspirantes nomeados dispoñerán do prazo dun mes a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG para incorporarse á praza adxudicada.
Sanidade apunta que en próximas datas o cadro de persoal fixo do Sergas verase incrementado coa incorporación de 201 novos profesionais das categorías sanitarias de diplomado e técnico.
Escribe o teu comentario