Inhabilitado o alcalde da Merca por demorar 18 anos unha orde de demolición

Velo Reinoso asegura que a súa intención era derrubar o inmoble pero a execución pospúxose debido ás reiteradas alegacións dos propietarios


|



Casa do Concello da Merca


O alcalde da Merca (Ourense), Manuel Velo Reinoso, foi condenado a catro meses de inhabilitación e a unha multa de 700 euros por un delito de desobediencia ao non demoler ata 2015 unha vivenda unifamiliar en Corbillón, a pesar de continuos requirimentos e notificacións oficiais desde o ano 1996.


A sentenza, que non é firme e pódese recorrer ante a Audiencia Provincial de Ourense, sinala que Manuel Velo Reinoso "non poderá obter" o cargo de rexedor durante o tempo da condena, nin tampouco o de tenente de alcalde, concelleiro ou calquera outro de natureza electiva e ámbito local que implique participación no goberno municipal. 


Durante o xuízo, o alcalde explicou "non ter nunca intención" de desobedecer a sentenza do Tribunal Supremo (TS) que ordenaba a demolición da vivenda, cuxo derriba se demorou 18 anos.


Así, explicou que "sempre quixo derrubar a casa", pero que a demolición se foi demorando debido ás "continuas alegacións por parte dos propietarios" e por buscar unha solución para a familia que puxese fin aos "incidentes e ameazas" persoais que sufriu por parte dalgúns veciños do pobo.


A fiscalía solicitaba para o alcalde unha inhabilitación de cinco meses e unha multa de dous meses e dez días cunha cota de dez euros diarios por considerar que "de maneira consciente, reiterada e contumaz se opuxo ao cumprimento" da orde de derriba ordenada polo TSXG.


NOTIFICACIÓNS


A primeira notificación de derriba que recibiu Manuel Velo foi no verán de 1996, cando estaba a cubrir as vacacións do alcalde nesas datas (Manuel Vázquez Outeiriño).


Xa como rexedor, en abril de 2004 recibiu unha sentenza do Tribunal Supremo que confirmaba a derriba da vivenda e informábao de que en caso de non realizalo incorrería nun delito de desobediencia.


A esta sentenza seguiríana cinco notificacións persoais (entre marzo de 2005 e xaneiro de 2011) e cinco requirimentos de demolición, sen que a derriba levase a cabo ata febreiro de 2015, unha vez que o edil xa fora citado xudicialmente.

relacionada Xulgan por malversar fondos europeos ao ex delegado de Feijóo en Ourense
relacionada A trama ideada por unha academia de Ourense para recibir subvencións salpica a un alto cargo da Deputación

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE