A Xunta incrementa un 45% as prazas para formación do profesorado en lingua estranxeira

As prazas irán destinadas a que os docentes de ensino non universitario melloren as súas competencias en inglés, portugués, francés ou alemán en estancias en países estranxeiros.


|

Profesores


A Consellería de Cultura publica este mércores no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se convocan prazas destinadas ao profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ao Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE) para o ano 2017. En total serán 215 prazas, case un 45% máis que no ano anterior.


As prazas irán destinadas a que os docentes de ensino non universitario melloren as súas competencias en inglés, portugués, francés ou alemán en estancias en países estranxeiros. Á súa volta, deberán elaborar materiais na lingua obxecto de estudo, co fin de que a experiencia redunde no beneficio do conxunto do sistema educativo.


As solicitudes deberán tramitarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. Opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos.


Haberá tres modalidades para as prazas convocadas. A primeira delas distribuirase en tres fases, das que a primeira será un curso de formación en inglés en Galicia e a segunda unha inmersión de tres semanas en Reino Unido, Canadá ou Estados Unidos. A terceira fase será a destinada á elaboración dos materiais.


Na segunda das modalidades, os docentes realizarán a primeira fase cun programa de inmersión total en inglés ou portugués consistente na integración na vida escolar, sen deberes lectivos, en centros escolares de Canadá ou Portugal. Na segunda fase deberán presentar un plan de difusión da experiencia adquirida na súa estancia.


A modalidade tres consistirá nun curso de formación en inglés, portugués, francés ou alemán, segundo sexa o caso, en Reino Unido, Portugal, Francia ou Alemaña, de dúas semanas de duración. Á súa volta, na segunda fase, os docentes deberán elaborar os correspondentes materiais na lingua obxecto de estudo.


A consellería destina un total de 770.265 euros á organización deste programa ao que poderán acceder, con carácter xeral, o profesorado de linguas estranxeiras que participe nos programas de seccións bilingües ou centros plurilingües.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE