O candidato europeísta Emmanuel Macron gañou a primeira volta das presidenciais francesas. E cando o próximo 7 de maio, salvo sorpresa maiúscula, gañe a Marine Le Pen, converterase no presidente máis europeísta que coñeceu o país galo. Tal e como sucedeu en Holanda, a mensaxe de repregamento nacional da extrema dereita xerou o seu propio antídoto. Aínda que Wilders obtivo a segunda posición e máis do 13% dos votos nas xerais de marzo, a suma de dous partidos pro-sociedades abertas e europeístas, os verdes e socioliberais do D66, superou o 21%. Macron gañou cunha mensaxe parecida, contrarrestando a internacional populista de Wilders, Le Pen, Farage ou Trump que domina o debate público.
Sen dúbida son boas noticias para Europa, sobre todo comparadas coa alternativa que ofrecían os seus rivais. Le Pen modulou o seu discurso eurófobo a medida que as enquisas reflectían un estancamento na súa intención de voto, pero os ataques a Bruxelas non desapareceron de ningún dos seus actos de campaña. De abandonar o euro e a UE virou a renegociar as relacións con Bruxelas e convocar un referendo ao Brexit. Tamén quería facer o propio Mélenchon, alcumado o "euroincoherente", sobre todo despois de declinar dar o seu apoio a Macron para a segunda volta. Fillon avogaba por retornar amplos poderes aos estados membros, co desexo de reformar a UE baixo a lóxica dun intergubernamentalismo puro. De todos os candidatos en primeira volta, incluído o socialista Hamon, Macron era o único que se diferenciaba claramente do resto na súa apaixonada defensa da UE.
Pero sexamos cautos á hora de poñer o futuro de Europa como elemento crucial da campaña presidencial. De entre os temas que máis importan aos electores á hora de decidir o seu voto, as cuestións europeas aparecen en décimo lugar. Os electores de Macron sitúan a preocupación polas cuestións europeas no 25%, por detrás do paro (32%) e o poder adquisitivo (30%). Para os electores de Le Pen, a inmigración (69%), o terrorismo (46%) e a inseguridade (42%) son as cuestións prioritarias, relegando Europa ao 18%.
A campaña xogouse, pois, a dous niveis. Por unha banda, e como non podería ser doutra forma, en clave nacional, con visións contrapostas en materia socio-económica ou de renovación da clase política francesa. Polo outro, no novo eixo de partidarios de sociedades abertas contra pechadas, onde a división entre eurófilos e euroescépticos actúa como principal derivada. É lóxico se temos en conta que as presidenciais se celebran simultaneamente nun ambiente dominado polo rexeitamento ao sistema político francés (máis que o europeo) e un crecente euroescepticismo (cun 33% dos franceses que desexan reducir os poderes da UE).
Así que, con Macron de presidente, Europa non gañaría aínda a batalla. Para iso deberá, en primeiro lugar, recompoñer o eixo franco-alemán, despois de que unha das súas patas perdese fol durante o mandato de Hollande. Alemaña converteuse na única locomotora de Europa, con consecuencias negativas para o conxunto da UE, cun excesivo seguidismo a Berlín en certos casos, unha oposición sen concesións noutros, e sobre todo coa falta de alternativas a unha Europa alemá. Con Macron, o centro de gravidade da UE pode reequilibrarse. Isto é especialmente relevante nun momento no que tamén se reequilibra o peso dos estados membros tras o Brexit, pasando do "big three" a un "big four" renovado. As eleccións alemás de outono serán clave para ver se o tándem franco-alemán arrinca de novo, xa que Macron probablemente se sinta máis a gusto con Martin Schulz como chanceler (outro europeísta convencido) que cunha Angela Merkel suxeita á presión dos seus socios da CSU.
Un tándem franco-alemán revigorado e un esquema máis inclusivo para a participación doutros estados membros será crucial para dar resposta aos debates expostos polo White Paper de Juncker. Macron afastarase dunha solución baseada soamente en devolver poderes aos estados ou de reducir a UE ao mercado único. As distintas velocidades, combinadas cunha retórica europeísta, poden converterse na fórmula preferida para os retos actuais da UE, desde a reforma da zona euro, Schengen ou a cooperación en seguridade e defensa. Isto terá consecuencias directas sobre o Brexit, onde Macron se achegará nun primeiro momento á Comisión e ao seu negociador, Michel Barnier, cuxo obxectivo é manter a unidade de acción ante Londres. Máis a longo prazo, o seu carácter liberal no económico debería facilitar un partenariado especial en materia de comercio, seguridade, defensa e intelixencia co Reino Unido.
Finalmente, está por ver se da retórica de Macron se destila un cambio de paradigma no ninguneo dos estados ás institucións europeas que caracterizou as dinámicas de integración desde a crise. O salto cara adiante da UE depende tanto do impulso renovado de Macron coma dos estados membros que prefiren unha UE minguante. Francia, lembremos, é un socio imprescindible pero tradicionalmente receloso de ceder soberanía en momentos determinantes (como o testemuña o fracaso da Comunidade Europea de Defensa en 1954 ou da Constitución Europea en 2004). A pesar do seu europeísmo, Macron pode verse sometido á retórica da grandeur francesa na casa, sobre todo se nas lexislativas segue sen contar cun apoio parlamentario forte e debe cohabitar cun primeiro ministro de distinta cor política.
Consciente de que cunha derrota de Marine Le Pen se afastaría o escenario catastrofista da desintegración da UE, o Presidente Macron pode dar o impulso necesario para repensar Europa. Pero antes deberá convencer de que el non é só nova política francesa, senón tamén nova política europea. Seguirano o resto dos seus socios?
Escribe o teu comentario