Macron e Le Pen pasan á segunda volta das presidenciais francesas

Socialistas e conservadores pedirán o voto para Macron e Mélenchon consultará ás súas bases para decidir entre ambos.


|

Lepenmacron


A ultradereitista Marine Le Pen e o centrista Emmanuel Macron alzáronse como os candidatos máis votados na primeira volta das eleccións presidenciais francesas, por diante do conservador François Fillon, o esquerdista Jean-Luc Mélenchon e o socialista Benoît Hamon.


Segundo o escrutinio final do Ministerio do interior galo, o movemento En marche! faise co 23,75% dos votos, mentres a Fronte Nacional obtén un 21,57%. Por detrás deles e fóra da carreira polo Elíseo sitúanse cunha diferenza axustada os Republicanos cun 19,91% e en cuarta posición, Francia Insumisa, cun 19,6%. O Partido Socialista, pola súa banda, cae mesmo por baixo dos dous díxitos, conseguindo só un 6,35% das papeletas.


Os socialistas e os conservadores xa anunciaron que pedirán o voto na segunda volta para Macron, mentres Mélenchon dixo que preguntaría ás súas bases. A formación ultradereitista de Le Pen aspira a captar tanto aos votantes de Fillón como á esquerda que votou a Francia Insumisa.


O índice final de participación sitúase no 78,69 por cento. En 2012, un 79,48 por cento dos electores acudiron a votar na primeira volta, mentres que na segunda rolda a cifra aumentou lixeiramente, ata o 80,35 por cento.


Con todo, ningunha destas dúas citas conseguiu as taxas rexistradas nos comicios do ano 2007, cando un 83,77 e un 83,97 por cento dos votantes acudiu ás urnas en primeira e segunda volta, respectivamente.


A lei francesa establece un sistema de votación en dúas voltas, salvo que nunha primeira rolda algún dos candidatos obteña máis do 50% dos votos.


As urnas volverán abrirse o vindeiro domingo 7 de maio, xa para elixir de forma definitiva o substituto de François Hollande no Elíseo. O presidente electo obtén un mandato de cinco anos renovable, de tal forma que una mesma persoa pode estar ata dez anos consecutivos á fronte da xefatura de Estado.


relacionada Francia elixe hoxe os dous candidatos que optarán á presidencia do país

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE