O Dépor recibe un baño dos suplentes do Madrid
(2-6). Nin un minuto tardaron os brancos en abrir o marcador. Os coruñeses creron na remontada co 1-2, pero víronse superados.
Os branquiazuis víronse superados. //Fonte: RC Deportivo.
O Deportivo caeu ante o Real Madrid en Riazor despois de hipotecar o partido nun nefasto cuarto de hora inicial, volver crer grazas a un bo tramo final da primeira parte e recibir a puntilla a escasos segundos do descanso.
Non transcorrera o primeiro minuto de xogo cando o Real Madrid, practicamente formado por suplentes, se adiantou marcador. Ían exactamente 52 segundos cando un potente dereitazo de Álvaro Morata, que recibira un pase en profundidade de Isco, entraba no marco deportivista.
Aos cinco minutos, Marco Asensio gozou dunha oportunidade similar, pero nesta ocasión Germán Lux atrapou o esférico. Na seguinte acción, o Deportivo puxo a proba por primeira vez a Kiko Casilla, nun disparo afastado coa perna esquerda de Juanfran.
Pouco despois, un lanzamento de Isco escapou lambendo o poste esquerdo da portería branquiazul e, no minuto 11, Lux volveu desbaratar un man a man, esta vez ante o autor do primeiro gol madridista, Morata. No minuto 13 foi Asensio o que se topou co mesmo pau que con anterioridade buscaba Isco.
No minuto 14 chegou o 0-2, nunha incorporación polo extremo dereito de Lucas Vázquez que serviu cara ao corazón da área para a chegada de James Rodríguez. O colombiano, cun toque sutil co exterior da súa bota esquerda, superou novamente a Lux.
O Deportivo acurtou distancias no minuto 35 por medio de Florin Andone. O pichichi deportivista anotou deste xeito o seu noveno tanto na presente campaña ligueira. Os branquiazuis medraron e estiveron a piques de lograr o empate no minuto 39, tras unha fenomenal combinación que concluíu cun disparo de Carles Gil.
Cando estaba a piques de cumprirse o minuto 45, o Madrid volveu abrir fenda. Isco e Marcelo combinaron pola esquerda, o centro raso do brasileiro despexouno Sidnei en curto e Lucas Vázquez apareceu pola área para enviar o balón solto ao fondo das mallas por terceira vez.
Con 1-3 no marcador chegouse ao descanso. Os primeiros compases da segunda metade deixaron sensación de frialdade por parte de ambos os equipos. Superado ese momento, primeiro chegou a lesión de Carles Gil, co que Pepe Mel tivo que esgotar os tres cambios antes da hora de xogo. Joselu saltou ao terreo de xogo en lugar do extremo. Despois, o Madrid volveu roldar o gol.
A sentenza chegou no minuto 66, nunha acción moi protestada por Arribas. O central recibiu unha falta de Mateo Kovačić que o colexiado non sinalou e a xogada terminou nas botas de James Rodríguez, que introduciu o balón na meta coruñesa a pracer.
O Madrid ampliou a súa vantaxe a un cuarto de hora do asubío final, por medio de Isco. E de inmediato, Joselu cabeceaba impecablemente un non menos bo centro de Florin Andone para anotar o segundo gol branquiazul, o quinto na súa conta particular no presente exercicio.
Non tardou o Madrid en responder. O recentemente incorporado Casemiro pechou o marcador co sexto gol do equipo branco, nun disparo desde a frontal da área que colleu desprevido a Tyton.
Con esta derrota, o Deportivo mantense con 31 puntos na clasificación, con 7 de vantaxe sobre o Sporting de Xixón, equipo que marca a zona de descenso, cando restan 12 puntos por disputar. Os xixoneses visitan o venres o Vilarreal, co que os branquiazuis poderían xogar o domingo no Sadar (12:00 horas, Bein Sports) sabendo que unha vitoria lles daría a permanencia en Primeira División de forma matemática.
FICHA
RC Deportivo: Lux (Tyton, min. 46), Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Álex Bergantiños, Carles Gil (Joselu, min. 57), Emre Çolak, Kakuta (Fernando Navarro, min. 46) e Andone.
Real Madrid: Kiko Casilla, Danilo, Nacho, Varane (Álvaro Tejero, min. 88), Marcelo, Kovačić, Isco (Casemiro, min. 79), James Rodríguez, Lucas Vázquez, Morata e Asensio (Mariano, min. 79).
Goles: 0-1 Morata (min. 1); 0-2 James Rodríguez (min. 14); 1-2 Andone (min. 35); 1-3 Lucas Vázquez (min. 44); 1-4 James Rodríguez (min. 66); 1-5 Isco (min. 77); 2-5 Joselu (min. 84); 2-6 Casemiro (min. 87).
Escribe o teu comentario