Pepe Mel: "O equipo corre moito, pero corre mal"
"Temos claro cal é o defecto e empezamos a poñerlle cura", di o técnico deportivista, que afirma que "só pensamos en tres puntos" ante o Madrid.
Pepe Mel, nun adestramento. //Fonte: RC Deportivo.
O Dépor aspira a dar boa imaxe no choque deste mércores contra o Real Madrid. Así, cun "mínimo de catro cambios" en mente, Pepe Mel, evita reproches aos seus xogadores por falta de intensidade: "Non lle podo dicir que non teñen actitude. O equipo corre moito, pero corre mal porque corre cando non debe de correr. Perdemos a pelota con moita facilidade e iso é moita vantaxe para o rival."
Neste sentido, o técnico afirma que "temos claro cal é o defecto e empezamos a poñerlle cura". Eses probemas derivan de que "se non circulas ben o balón porque temos erros no xogo posicional, e o que ten a pelota no canto de ter 3 ou 4 liñas de pase claras para saír xogando non ten ningunha, perdes o balón e tes que correr máis do que debes".
Contra o Madrid, este mércores, non dá nada por feito. "Estamos como para reservar xente! Se fixese iso contra Atlético e Barça vete a saber o que pasaría", defendeu o adestrador, que conseguiu catro puntos contra dous dos mellores equipos da categoría.
Pepe Mel tamén fai autocrítica sobre o seu papel e o dos seus xogadores neste tramo final da campaña: "A tempada acabe como acabe, non é para que ninguén estea orgulloso nin contento, empezando por min mesmo. Eu tamén quería moito máis. Non estou contento co rendemento que estou a conseguir sacar. Despois do arranque que tivemos esperaba máis".
Escribe o teu comentario