Protestas ante a Xunta pola modificiación que recorta dereitos a miles de traballadores temporais
As protestas de onte en distintos puntos da comunidade evidencian o enfado dos afectados polo cambio no Decreto 37/2006.
O Decreto 40/2026, lonxe de pasar inadvertido, supuxo un auténtico terremoto entre o persoal da Xunta de Galicia. No Goberno galego non crían que a modificación do antigo Decreto 37/2006 ía suscitar tanta polémica, pero cando os traballadores, especialmente aqueles que se atopan nas listas de contratación temporal, viron que coa nova norma a súa situación ía ser máis e máis precaria, estalou a indignación dun colectivo que xa sufría a ditadura da Xunta en canto a penalizacións, control esxcesivo e a dispoñibilidade permanente baixo pena de sanción.
PROTESTAS
Neste escenario, a CIG-Administración Autonómica convocou ao persoal a manifestar na xornada do martes ante os edificios da Xunta de Galicia nas sete cidades, aínda que tamén se celebraron protestas de maneira simultánea noutros puntos da comunidade, reclamando a derrogación do decreto que modifica o procedemento de chamamento das listas de substitucións. Ás mobilizacións acudiron centos de persoas, cunha nutrida respresentación en cada unha das concentracións das cidades, onde deixaron patente o seu desacordo.
Desde a central sindical advirten que este cambio afecto a todas as persoas que se atopan nas listas, pero o seu eco chega até o resto de persoal, que pola falta de coberturas sufrirá a denegación dos seus permisos e vacacións.
Entre os colectivos máis castigados está o persoal sociosanitario, asistencial, de atención directa e de servizos públicos esenciais dependentes da Xunta de Galicia. Estes serán os que sufran, sobre todo, "a falta de planificación da Xunta" que se traducirá "en máis presión, menos garantías e peores condicións para as traballadoras e traballadores".
"A eliminación da mellora de emprego, os chamamentos urxentes con prazos mínimos, a suspensión automática nas listas ou a imposición exclusiva dos medios electrónicos, son medidas inaceptables", censuran desde a CIG, onde resolven no seu comunicado que o cambio é "un grave retroceso nos dereitos laborais, na conciliación da vida persoal e profesional e nas expectativas de progreso do persoal temporal da administración pública galega".
MODIFICACIÓNS
Talvez o cambio máis significativo radique en que, co novo decreto, as persoas que formen parte das listas de contratación, unha vez acepten un chamamento, quedarán excluídas do resto de listas. A consecuencia é que estes traballadores non poderán acceder a melloras laborais e profesionais, como a obtención de postos que se atopen vacantes.
"Xunto a isto, rexeita a eliminación real da mellora de emprego, pechando a porta a postos de maior estabilidade ou categoría, así como os chamamentos urxentes mediante SMS con prazos inferiores ás 24 horas, incompatibles cunha resposta xusta e razoable", engade a CIG na súa nota.
Outro dos grupos máis castigados é o persoal do SPIF (Servizo de Prevención de Incendios Forestais). Na súa situación e necesidade escúdase a Xunta, pois achaca o cambipo ao réxime extraordinario que se impón a este servizo entre o 1 de marzo e o 31 de outubro, período no que a comunidade se atopa na tempada de incendios forestais.
A continuación, cuestións como a imposición da tramitación exclusivamente electrónica sen garantir medios, alternativas nin asistencia suficiente para todas as persoas ou a aplicación retroactiva de medidas que afectan negativamente ao persoal xa incorporado ás listas, son outros asuntos que, pola "falta de planificación e organización da administración", empeorará as condicións de miles de traballadores, que verán recortados os seus dereitos.
Escribe o teu comentario