Noriega defende a súa "valentía" por levar a fiscalía os contratos dos CSC

Anuncia unha remodelación do seu goberno e evita pronunciarse sobre se será candidato para as municipais de 2019


|

MatioNoriega

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, defendeu a súa "valentía" e a do seu equipo de goberno por levar á fiscalía os contratos de licitación dos centros socioculturais ante as críticas da oposición contra esta decisión. "Hai que ter valentía para facelo. Se cadra eles non a tiveron", espetou.


"Aqueles que ampararon a situación dos centros socioculturais durante todos estes anos que lles pareza mal isto significa que teñen unha actitude vergonzante ou que non querían directamente que este tipo de situacións estruturais do concello se tentasen reorientar", manifestou.


Así se expresou Noriega a preguntas dos medios este venres, onde negou as acusacións de adxudicación "a dedo" do contrato do último ano, xa que, como lembrou, "seguiu a empresa" que estaba a prestar o servizo dos centros socioculturais a través dun servizo "de continuidade".


Deste xeito, preguntouse "que farían" os representantes do PSOE e de BNG "se se atopasen un informe xurídico como o que se atopou o seu grupo de goberno" e que derivou na redacción duns pregos que son "moi diferentes". "Quen diga o contrario é que non os leu ou que quere confundir", apostilou.


"Se se atopasen un informe xurídico derivarían a fiscalía canto menos para non amparar irregularidades", continuou, para logo puntualizar que "dependerá da fiscalía" se, finalmente, se depuran "responsabilidades" xurídicas.


REMODELACIÓN DO SEU GOBERNO


Noriega tamén avanzou que prepara "unha serie de axustes" no goberno local da capital galega, aínda que descartou que se vaia producir un "cambio de caras" senón que a remodelación consistirá en "axustes de repartición de áreas e cargas de traballo" para encarar a segunda parte do mandato "con ánimos renovados".


Así o indicou este venres a preguntas dos medios en Santiago, onde o rexedor indicou que está "absolutamente satisfeito" co seu equipo de goberno pero que é preciso unha "redefinición das áreas" cando se van a cumprir dous anos da vitoria nas municipais de maio de 2015.


Unha renovación na que Noriega leva "meses dándolle unha volta". "Xa dixen en nadal que a mediados de lexislatura faría falta facer unha serie de axustes no goberno para encarar a segunda parte", apostilou.


CANDIDATO EN 2019


A preguntas dos medios, o primeiro edil de Santiago evitou pronunciarse sobre se ten intención de presentarse á reelección nas municipais de 2019. "Estou centrado no día a día", remarcou.


E é que o pasado xoves o portavoz popular, Agustín Hernández, indicou que está disposto a volver optar á alcaldía de Santiago nas eleccións de dentro de dous anos.


"Xa competín con el e xa lle gañei", espetou Martiño Noriega, quen ironizou con que "un adestrador de fútbol" lle recomendou "non coller moitos metros de corrido" porque podes "chegar canso" á hora de golpear o balón. Por tanto, insistiu en que "chegado o seu momento" tomará "unha decisión".


Así, defendeu que está "centrado no día a día" do Concello de Santiago e que "mentiría" se dixese que ten "unha decisión pensada para unhas eleccións para as que faltan dous anos". "Con esta carga de traballo non se pode anticipar; salvo aqueles que teñen tempo para pensar nisto", manifestou.


XESTIÓN CULTURAL


Por outra banda, en referencia ás críticas de Agustín Hernández pola xestión cultural do goberno santiagués, Noriega mostrou o seu "respecto" cara ás palabras do popular, pero convidou a "tirar de hemeroteca" e repasar "a data de presentación" da programación das festas da Ascensión durante o goberno do PP.


"Estráñame que o señor Agustín Hernández lle pida a Compostela Aberta o que non se pedía a si mesmo. Supoño que parte do seu convencemento de que nós podemos facelo mellor e aí si que lle dou a razón", expresou, para logo insistir en que as Festas da Ascensión serán presentadas "en tempo".


Deste xeito, defendeu o modelo de xestión cultural do seu goberno, á vez que avanzou que o consistorio está "a pechar o proceso" para nomear a un novo xerente do Auditorio de Galicia que será anunciado "en breves".

relacionada O alcalde de Santiago traslada a Tejerina a súa "indignación" cos orzamentos
relacionada Xunta e Concello promoven unha ruta peonil do centro histórico ao Gaiás
relacionada O Concello de Santiago sinalizará as 71 árbores máis emblemáticas da Alameda

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE