O alcalde de Santiago traslada a Tejerina a súa "indignación" cos orzamentos
Segundo Noriega, as partidas que o Estado destina á capital galega supoñen "unha caída do investimento a niveis de hai 14 anos".
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), reúnese este luns coa ministra de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, á que trasladará o seu "malestar" e "indignación" polos Orzamentos Xerais do Estado, xa que considera que supoñen "o incumprimento de importantes compromisos adquiridos coa cidade".
Nunha comparecencia de prensa celebrada a comezos de mes, censurou que as contas teñen "moitas máis sombras que luces", pois o que destina o Estado a Santiago, do mesmo xeito que a Galicia, padece "unha caída do investimento a niveis de hai 14 anos".
Entre outras cuestións, Noriega tachou de "incomprensible" que non se inclúa unha partida para a humanización da rotonda de Conxo, dado que "foi un compromiso adquirido pola propia exministra de Fomento Ana Pastor nunha visita ao barrio na que mostrou planos dun anteproxecto".
Tamén reprocha como "dificilmente incomprensible" que non exista "nin partida para a depuradora nin proxección orzamentaria para esta infraestrutura, que tamén está comprometida".
Así mesmo, lamentou que os orzamentos rebaixen a partida para o Consorcio nun 2,5%, xusto "cando se está facendo un enorme esforzo para reactivar este organismo a través dunha reunión do Real Padroado".
Escribe o teu comentario