Joselu e Mosquera achegan o Dépor á permanencia
(2-0). Sen brillar, os de Pepe Mel conseguiron por fin tres puntos que supoñen un gran paso para as aspiracións deportivistas a falta de seis xornadas.
Pedro Mosquera celebra o seu tanto. // Foto: RC Deportivo
Un cabezazo de Joselu e o oportunismo de Pedro Mosquera deron ao Deportivo tres puntos de ouro en pos da permanencia en Primeira División, un obxectivo que está moito máis preto despois de vencer a un Málaga que apenas inquietou o conxunto coruñés.
O primeiro cuarto de hora de xogo evidenciou a importancia dos puntos en xogo, con dous equipos moi concentrados nas tarefas defensivas e dous únicos achegamentos ás porterías. O primeiro, por parte do Málaga, nun lanzamento afastado e frouxo. O segundo, do Dépor, nunha falta practicamente na liña de fondo que remataron sen éxito ata tres xogadores branquiazuis.
A segunda parte comezou da mellor maneira posible para o Dépor. Luisinho chegou pola súa banda tras recibir de Gaël Kakuta, recortou para centrar coa súa perna mala e puxo un preciso servizo na cabeza de Joselu, que gañou a partida no salto a Luís Hernández e conectou un croque lonxe do alcance de Kameni.
Nada máis entrar no terreo de xogo en lugar de Joselu, Florin Andone dispuxo dunha clara oportunidade para ampliar diferenzas. Ía cumprirse a hora de partido cando o dianteiro romanés se plantou só ante o porteiro visitante. O seu durísimo chute sacouno cos pés o gardameta camerunés.
O segundo tanto do conxunto branquiazul non tardou en chegar. Foi no minuto 67, tras unha acción elaboradísima de todo o equipo deportivista. O balón acabou chegando no extremo dereito a Juanfran, que centrou buscando a Carles Gil. O extremo rematou mordido, pero o balón seguiu practicamente a mesma traxectoria, coa que se cruzou, chegando desde atrás, o recentemente incorporado Pedro Mosquera, que bateu con facilidade a Kameni.
O Málaga quedou practicamente sen resposta tras encaixar o 2-0. O equipo de Míchel González non puxo a proba a Lux ata o minuto 80, nun lanzamento de Sandro que detivo o porteiro arxentino. Iso si, cando volveu facelo deixou a portería coruñesa tremendo, literalmente. Camacho estampou no traveseiro un trallazo desde 30 metros. Luisinho estivo rápido para arrebatar o rexeite a Charles, cando ía fusilar o porteiro deportivista.
Con esta vitoria, a sétima da tempada, o Deportivo sitúase con 31 puntos, 9 por encima da zona de descenso que actualmente marca o Sporting de Xixón, a falta do seu partido ante o Real Madrid e cando faltan só 6 xornadas para chegar á conclusión do campionato ligueiro.
FICHA
RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho, Borges, Guilherme, Bruno Gama (Pedro Mosquera, min. 63), Carles Gil, Kakuta (Onda John, min. 82) e Joselu (Andone, min. 59).
Málaga CF: Kameni, Rosales, Luís Hernández (Keko, min. 59), Llorente, Mikel, Recio (Charles, min. 71), Camacho, Chory Castro (Jony, min. 60), Pablo Fornals, Juankar e Sandro.
Goles: 1-0 Joselu (min. 47); 2-0 Pedro Mosquera (min. 67).
Escribe o teu comentario