O Dépor cae en Mestalla cunha primeira media hora para esquecer
(3-0). Fallou un penalti ao comezo, anuláronlle un gol legal e encaixou dous goles a balón parado, un deles en propia porta de Albentosa.
O Dépor sae goleado ante o Valencia. //Fonte: RC Deportivo
O Deportivo caeu na súa visita a Mestalla, nun partido que se lle puxo moi costa arriba despois de fallar un penalti e ver como lle anulaban un gol legal con 0-0 no marcador e de encaixar dous goles a balón parado na primeira media hora, un deles de Raúl Albentosa en propia meta.
O adestrador deportivista, Pepe Mel, presentou cinco cambios con respecto á aliñación inicial do derbi ante o Celta. En defensa, Sidnei, recuperado dos problemas físicos que lle impediron xogar os dous últimos partidos, supliu a Alejandro Arribas e Fernando Navarro fixo o propio con Luisinho, sancionado por acumulación de amoestacións. No mediocampo, Carles Gil substituíu a Bruno Gama e Guilherme, aínda inédito con Mel por culpa dunha lesión, ao lesionado Pedro Mosquera. En ataque, Florin Andone volveu ao equipo en detrimento de Celso Borges, practicamente recentemente chegado da súa longa viaxe para actuar coa selección de Costa Rica en México e Honduras.
O Deportivo gozou dunha pena máxima no minuto 8, despois de que Martín Montoya agarrase a Andone cando se dispoñía a rematar un centro desde a dereita. Fayçal Fajr non puido bater ao especialista Diego Alves, que adiviñou a súa intención, lanzándose cara á súa dereita e despexando o coiro.
Inmediatamente, Carles Gil viu como se lle anulaba un gol por un fóra de xogo inexistente e, acto seguido, o Valencia adiantábase no marcador. Munir cabeceou ao traveseiro unha falta colgada á área deportivista. O rexeite recolleuno Ezequiel Garay, que bateu a Lux. Corría o minuto 10.
En cuestión de segundos, o Dépor pasou de ter dúas claras opcións de adiantarse no marcador para verse por detrás. A pesar diso, os branquiazuis non se viñeron abaixo e nos seguintes minutos protagonizaron os achegamentos de maior perigo, aínda que sen chegar a ser ocasións reseñables.
Peor lle sentou ao Dépor encaixar o segundo gol, nun saque de esquina desde a esquerda do ataque local no que Raúl Albentosa introduciu a pelota na súa propia portería, cando estaba a piques de cumprirse a media hora de xogo.
Tras o paso polos vestiarios, Pepe Mel buscou un revulsivo en ataque, polo que deixou nos vestiarios a Fayçal Fajr para introducir a Emre Çolak. O turco dispuxo da primeira oportunidade do segundo período, despexada por Diego Alves, que cinco minutos máis tarde desbaratou outra ocasión de Joselu.
Diego Alves volveu aparecer no minuto 72, para tapar un man a man de Andone despois dun fantástico servizo de Sidnei. Emre Çolak tamén o probou de lonxe, no minuto 80. O seu lanzamento, lixeiramente desequilibrado, marchou ás nubes.
Na recta final, Lux evitou o terceiro gol en senllos duros lanzamentos rasos de João Cancelo. Xa nada puido facer Lux na terceira ocasión, na que o extremo portugués recortou na liña de fondo a Fernando Navarro e rematou cruzado, a media altura, para anotar o 3-0 definitivo.
Con esta derrota, o Deportivo mantense con 27 puntos, 5 por encima da zona de descenso, que marca o Sporting de Xixón. O vindeiro mércores, os branquiazuis recibirán en Riazor o Granada, penúltimo a 8 puntos dos coruñeses.
FICHA
Valencia CF: Diego Alves, Martín Montoya, Garay, Abdennour, Gayà (João Cancelo, min. 83), Parejo, Enzo Pérez (Siqueira, min. 75), Munir, Carlos, Orellana e Zaza (Santi Mina, min. 78).
RC Deportivo: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Fernando Navarro, Carles Gil, Álex Bergantiños (Marlos Moreno, min. 70), Guilherme, Fayçal Fajr (Emre Çolak, min. 46), Andone e Joselu.
Goles: 1-0 Garay (min. 10); 2-0 Albentosa, en propia meta (min. 29); 3-0 João Cancelo (min.90+1).
Escribe o teu comentario