O Dépor encadea o seu cuarto partido sen gañar

(4-2). Kakuta igualou por dúas veces o marcador ante o Sevilla nunha primeira media hora frenética en canto a goles.


|

DeporsevillaO Dépor reclamou dous penaltis non sinalados. //Fonte: RC Deportivo


O Deportivo caeu derrotado no Ramón Sánchez Pizjuán, nun partido marcado pola primeira media hora de xogo, na que o Sevilla adiantouse ata en tres ocasiones despois de que Gaël Kakuta empatase para os coruñeses en dúas oportunidades.


Tardou 54 segundos o Sevilla en adiantarse no marcador. Practicamente sen que o Dépor chegase a tocar a pelota. Con todo, ían exactamente 183 segundos de partido cando os branquiazuis equilibraban a balanza. Joselu anticipouse a Nico Pareja na área, o balón saíu rexeitado a pés de Kakuta, o franco-congoleño tirou un autopase para desbordar a Mariano e bateu a Sergio Rico cun zurdado cruzado raso. Foi o primeiro tanto co Deportivo do internacional coa República Democrática do Congo.


Antes do minuto 10, o Sevilla volvía poñerse por diante. Sergio Escudero disparou desde o extremo esquerdo, Lux rexeitou cara ao centro da área, onde se atopaba Pablo Sarabia para mandar o balón ao primeiro toque ao fondo das mallas.


Para completar a tolemia inicial, Juanfran debeu abandonar o terreo de xogo por lesión, deixando o seu sitio a Laure no minuto 12.


Tras dez minutos de respiro, Pareja cometeu unha man na media lúa da área que proporcionou ao Dépor unha gran oportunidade. Guilherme e Kakuta perfiláronse para lanzala, pero fíxoo finalmente o franco-congoleño, que calcou o golazo que marcou no recente debut coa súa selección para volver empatar o encontro, no minuto 25. Kakuta incrustou o esférico no vértice superior esquerdo do marco dun Sergio Rico que non puido facer nada para evitalo.


Volveu durar pouco a alegría para o Dépor, pois sete minutos despois, Joaquín Correa peiteaba unha falta botada desde a esquerda por Sarabia, para bater a Lux por terceira vez.


No minuto 42, o colexiado omitiu un claro penalti por mans de Franco Vázquez, cando o arxentino se anticipaba a Sidnei despois de que o brasileiro lle tirase un chapeu á saída dun córner.


A segunda metade non tivo nada que ver coa primeira. O ritmo baixou. Os desaxustes defensivos e a precisión nas accións de ataque desapareceron.


No minuto 62, Ola John, recentemente ingresado no terreo de xogo en lugar de Marlos Moreno, reclamou un penalti por empuxón de Mercado, despois de sentar ao defensa arxentino cun fantástico recorte.


O 4-2 chegou cando se achegaba o final do partido, a pesar de que Ben Yedder atopábase en posición de fóra de xogo.


Tras esta nova derrota, o Deportivo continúa con 28 puntos, seis por encima da zona de descenso á espera de que xoguen os catro equipos que se atopan por baixo na clasificación: Leganés, Sporting de Xixón, Granada e Osasuna.


Pepe Mel lamentouse en rolda de prensa de "dous penaltis clarísimos que non che pitan. E cando Mariano se infla a dar patadas e a nós a primeira que damos é cartón, e a eles non".


Insiste en que a xogada de Ola John na área sevillista e con 3-2 no marcador, "é de escándalo. Está ben que fallemos os penaltis, pero que nolos deixen tirar".


Iso si, "dito todo isto, o mea culpa témolo que entoar. A falta de sete partidos temos que ser máis homiños. Non nos poden meter dous goles a balón parado. O terceiro gol é de risa, remontáronnos dúas veces, nun campo coma este, nunha situación tan adversa. Non che poden meter gol nunha falta lateral, porque nos estamos xogando moito. Aí temos que ser máis fortes, ter máis oficio", engade.


FICHA


Sevilla FC: Sergio Rico, Mariano, Pareja, Mercado, Escudero, Franco Vázquez (Lenglet, min. 76), Kranevitter, N'Zonzi (Iborra, min. 74), Sarabia, Joaquín Correa (Ben Yedder, min. 65) e Jovetic.


RC Deportivo: Lux, Juanfran (Laure, min. 12), Arribas, Sidnei, Luisinho, Borges, Guilherme, Marlos Moreno (Ola John, min. 58), Emre Çolak (Andone, min. 72), Kakuta e Joselu.


Goles: 0-1 Jovetic (min. 1); 1-1 Kakuta (min. 4); 2-1 Sarabia (min. 9); 2-2 Kakuta (min. 25); 3-2 Correa (min. 32); 4-2 Ben Yedder (min. 88).

relacionada O Dépor desperdicia outro choque máis para afastarse do descenso
relacionada O Dépor cae en Mestalla cunha primeira media hora para esquecer

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE