Mouriño anuncia que o Celta se vai de Vigo: "Bótannos, non hai retorno"

O presidente do club celeste di que a decisión é "irreversible" e que construirán un novo estadio e unha cidade deportiva noutro lugar.


|

Mourinhoceltavigo


Carlos Mouriño dá por rematada a pretensión comprar Balaídos e anuncia que tomou a "determinación de que o Celta marche de Vigo". Desvelouno este venres pola mañá nun encontro dixital con afeccionados organizado polo propio club, onde expuxo a situación da entidade e os seus plans. O presidente celeste insiste en que a decisión é "irreversible" e que a toma tras "oito anos de loita constante e continua sen poder avanzar nin un só paso".


O máximo accionista reprochou a Abel Caballero que "é o único camiño que nos deixan. Non nos imos, bótannos, non hai retorno". Así, declarou que "me gustaría como vigués permanecer en Vigo pero é imposible". A única porta a unha marcha atrás nos plans anunciados pasa por que se inclúa no Plan Xeral urbanístico un novo estadio. "O alcalde dixo que non se podía construír un novo estadio porque non estaba no Plan Xeral. Pois moi fácil porque se está redactando un novo, que se inclúa", recalcou. Aínda así, Mouriño cre que Caballero "non vai recoller esa luva".



Para o mandatario local tivo varios reproches, como que falou de esperanzas de que o Celta aceptase a concesión de 50 anos cando xa coñecía o 'non' rotundo. "Demos unha negativa ao señor alcalde argumentando por que era inviable, imposible a aceptación da proposta", manifestou. "Non lle direi como levar o Concello, non me diga como levar o Celta. Por que ese empeño en non deixarnos crecer? Se o crecemento do Celta non é en Vigo con vostede, será fóra sen vostede", espetou o presidente celeste.


Os plans agora pasan por construír un estadio e unha cidade deportiva noutro municipio, cuxo custo ascende a uns 50 e 20 millóns, respectivamente. Mouriño afirma que xa ten algún candidato e que será viable a súa construción sen comprometer a situación económica do club independentemente da situación deportiva no futuro.


ENTUSIASMO EN MOS


Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (PP) admitiu este venres o seu "entusiasmo" ante a posibilidade de que o Real Club Celta poida construír a súa cidade deportiva neste municipio limítrofe con Vigo, aínda que negou que houbese negociacións ou avances respecto diso.


A rexedora de Mos sinalou que este municipio "ten posibilidades e non pode ocultar o entusiasmo" que supoñería albergar as instalacións da entidade celeste.


"Outros alcaldes pensarían o mesmo ca min. Pero a día de hoxe non hai nada máis", asegurou Nidia Arévalo, quen apuntou que a marcha do Celta é "un exemplo máis" dos problemas e enfrontamentos do alcalde de Vigo, Abel Caballero, co resto de institucións e administracións. "Xa non é só Feijóo, é o reitor, o resto de alcaldes, o presidente do Celta", engadiu.

relacionada Vigo non ten 'plan B' se Mouriño mantén o seu rexeitamento á concesión de Balaídos
relacionada O plan de Caballero para convencer a Mouriño: ceder Balaídos por 50 anos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE