Vigo non ten 'plan B' se Mouriño mantén o seu rexeitamento á concesión de Balaídos

O presidente do Celta está decidido a conseguir as súas propias instalacións, na cidade ou nalgún municipio veciño.


|

Obrasbalaidos


O goberno municipal de Vigo admitiu que non hai 'plan B' ante o previsible rexeitamento do presidente do Real Club Celta á proposta de concesión do estadio de Balaídos por 50 anos, e insistiu en que segue estudando as condicións desa concesión.


Así o manifestou o portavoz do goberno vigués, Carlos López Font, a preguntas dos medios sobre esa negativa de Carlos Mouriño, avanzada por varios medios, a aceptar a concesión administrativa e o aproveitamento comercial de locais a cambio dun canon.


O presidente da entidade celeste puxo sobre a mesa a posibilidade de comprar o estadio municipal ou, como alternativa, dispoñer de espazos e licenza para construír unhas novas instalacións. Ante a falta de acordo co goberno de Caballero, o propio Carlos Mouriño advertiu de que contempla a posibilidade de construír unha cidade deportiva para o Celta nalgún municipio veciño.


O Concello descartou a venda do estadio, que é patrimonio municipal e é un ben de dominio e uso público. Como alternativa, ofrece unha concesión administrativa (unha proposta que xa foi exposta polo PP) por 50 anos, cuxas condicións está a perfilar a través dun estudo encargado a unha auditoría.


Nesa liña, e sobre a posibilidade de que haxa un 'plan B' tras o rexeitamento do Celta, Carlos López Font afirmou que o goberno municipal "só manexa un 'plan A', que é coñecer o resultado da auditoría antes de situarse".


MAREA DE VIGO E PP


Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, advertiu que a cidade foi "moi xenerosa" co Celta, e deulle "opcións", pero "non hai máis marxe". "Xa sei que en México as cousas funcionan doutra maneira, pero aquí o patrimonio público non se liquida. Balaídos non se vai vender", incidiu.


"Non pasa nada, hai clubs que desaparecen e a xente non se suicida en masa", ironizou, e lembrou, en alusión á construción dunha cidade deportiva, que está a redactarse un PXOM "e haberá que buscar onde queremos un novo estadio".


Finalmente, a portavoz do PP, Elena Muñoz, subliñou que "a gran pregunta é se o alcalde fai todo o que está na súa man" para explicar ao presidente do Celta a oferta de concesión, e reclamou a Caballero "que fale claro" e dea a coñecer os detalles desa oferta.

relacionada O plan de Caballero para convencer a Mouriño: ceder Balaídos por 50 anos
relacionada PSOE e PP engánchanse sobre o futuro de Balaídos e a continuidade do Celta en Vigo
relacionada Carlos Mouriño: "Se non nos queren en Vigo, teremos que marchar"

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE